Disolven unha festa con oito persoas e unha delas acaba detida por agredir un policía e un sanitario

Pontevedra
01 de marzo 2021

Ata oito persoas chegaron a contar as autoridades como participantes nunha festa ilegal que se celebrou na noite do pasado sábado nunha vivenda abandona da Avenida de Vigo. A festa, que foi disolta pola Policía Local, acabou cunha moza detida

Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

Ata oito persoas chegaron a contar as autoridades como participantes nunha festa ilegal que se celebrou na noite do pasado sábado nunha vivenda abandona da Avenida de Vigo. A festa, que foi disolta pola Policía Local, acabou cunha moza detida.

Os axentes, segundo informou o Concello de Pontevedra, acudiron á vivenda sobre as 23:40 horas tras recibir varias chamadas alertando sobre a súa celebración. Ao chegar ao lugar, apreciaron que había xente bailando e coa música a un volume moi alto.

Nun primeiro momento, a Policía Local identificou a catro persoas, pero cando estaban nese proceso, advertiron que outras catro saían fuxindo pola parte traseira da vivenda.

Unha patrulla da Policía Nacional, que se desprazou tamén á zona, perseguiu a estas persoas a través de varias leiras, pero só puido localizar a dous delas. Unha destas mozas, de apenas 18 anos, estaba magullada e con rasguños debido á fuxida.

Tras ser alcanzada polos axentes, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, esta moza comezou a agredir a un dos policías, ao que lle arrincou a máscara e cuspiulle. O policía sufriu unha luxación nun dedo.

Ante as feridas que presentaba a moza foi trasladada ao PAC da Parda onde, ao parecer, tamén agrediu a un sanitario que a estaba atendendo e esnaquizou parte do mobiliario do centro de saúde.

Por todo iso, foi detida acusada dun delito de agresión e atentado á autoridade e pasará a disposición xudicial por estes feitos.

O resto das súas compañeiras, do mesmo xeito que ela, tamén foron denunciadas por saltar o toque de queda, reunirse máis de catro persoas sen ser conviventes e non levar máscara.

DESALOXO DA VERDURA

Este foi o incidente máis grave dos ocorridos esta fin de semana, no que a Policía Local impuxo 41 denuncias por incumprir as restricións impostas pola covid-19.

Na tarde do sábado tamén se tivo desaloxar a Praza da Verdura ante unha situación que, segundo Anabel Gulías, estaba "desbordada". A Policía Local pasou dúas veces pola zona, unha para advertir da situación, e a segunda para disolver as concentracións.

Un dos locais da praza foi denunciado por servir a clientes que non estaban sentados en ningunha mesa e dúas persoas foron propostas para sanción por non levar máscara e negarse a ser identificados polas autoridades.

A pesar deste incidente, Gulías asegurou que a actitude dos hostaleiros ante a reapertura dos seus locais está a ser "exemplar", a pesar destes incidentes, e avanzou que a Policía Local seguirá realizando vixilancias disuasorias nos próximos días.