Piden accesibilidade no transporte mentres non haxa teleportación "como en Star Trek"

Pontevedra
22 de outubro 2024

A falta de accesibilidade no transporte público continúa a ser unha barreira cotiá para as persoas con discapacidade e así o denunciaron este martes 22 na Praza de Ourense

Integrantes de Amizade pide accesibilidade no transporte Mónica Patxot

En pleno século XXI, a falta de accesibilidade no transporte público segue sendo unha realidade que vulnera os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade en Galicia.

Esta situación afecta directamente a liberdade de movemento, o acceso ao emprego, á educación e mesmo á saúde destas persoas, que se atopan con obstáculos cada día para poder desprazarse de maneira autónoma.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI)puxo en marcha unha nova campaña de concienciación que pretende visibilizar este problema e esixir que os medios de transporte, tanto urbanos como rurais, cumpran coas normativas de accesibilidade.

As persoas participantes fan referencia aos personaxes da serie Star Trek, lembrando con ironía que a teleportación non existe e reclamando un transporte que permita o acceso a persoas con mobilidade reducida.

En Galicia, unha das accións máis destacadas tivo lugar na Praza de Ourense, en Pontevedra, onde varias decenas de persoas se concentraron para denunciar as barreiras ás que se enfrontan diariamente.

Paulo Fontán, presidente da asociación Amizade, explica a situación: "queremos poñer de manifesto a falta de accesibilidade nos medios de transporte que hoxe existen para que as persoas con discapacidade poidan facer a súa vida con normalidade".

A falta de accesibilidade nos medios de transporte é particularmente crítica no ámbito interurbano.

Fontán sinala que, mentres no transporte urbano hai melloras significativas, "no rural a situación é máis complicada, conmoitas dificultades e bastante imposibilidade de desprazarse entre comarcas veciñas".

O problema non se limita aos autobuses. Fontán subliña tamén a situación precaria en relación aos taxis e aos trens.

"Existe unha normativa que establece que só o 5% dos taxis deben ser accesibles, o que permite que o 95% sexa discriminatorio. Moitas veces, nin sequera se cumpre ese 5%", denuncia o presidente de Amizade.

A realidade ferroviaria tampouco é mellor: "Non todos os trens están habilitados para persoas con mobilidade reducida, e ademais, viaxar en grupo é case imposible, porque tanto en buses como en trens as prazas adaptadas son moi limitadas".

Pablo Fontán, presidente de Amizade   Mónica Patxot

Deste xeito, as persoas manifestantes reivindicaban con este cántico o dereito a realizar viaxes colectivo: "viaxar xuntos, sen que ninguén quede atrás".

En relación ao novo servizo de coche de punto no Concello de Pontevedra, desde Amizade sinalan que descoñecen se está funcionando atendendo á accesibilidade. Durante a elaboración da súa normativa realizaron propostas para melloralo coa idea de que algún dos taxis que participan deste transporte a demanda estea adaptado.

Campaña para mejorar la accesibilidad en el transporte  Mónica Patxot

Fontán sinala que "mentres o teletransporte non sexa viable, os medios de transporte tradicionais deben cumprir coas leis para que calquera persoa poida facer uso deles".

E tamén ironiza ironiza para temerse que "cando exista o teletransporte, seguro que as cabinas teñen un chanzo o carecen de paneis en Braille".

Durante o acto, varios participantes deron lectura a un manifesto en que se indicaba tamén que "queremos incluír a dispoñibilidade de puntos de recarga e subministro eléctrico para dispositivos médicos esenciais como os equipos de oxíxeno líquido, fundamentais para persoas con discapacidade orgánica que requiren apoio respiratorio".

Ademais, reclaman que o persoal dos medios de transporte estea formado, que coñeza como poder asistir ás persoas con discapacidade, asegurando que teñan un trato digno e adaptado ás súas necesidades.

"Como coñecedoras e coñecedores da nosa realidade galega, vivimos maiormente en municipios rurais e son estas zonas as que deberían de asegurar a accesibilidade do transporte", expoñían no comunicado.

A campaña, enmarcada nun movemento estatal coordinado polaConfederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), inclúe accións simultáneas en diferentes cidades españolas e ten un enfoque orixinal e reivindicativo.

Petición de melloras na accesibilidade para persoas con discapacidade  Mónica Patxot