Dimisión en pleno de todos os membros do Consello Asesor do Museo de Pontevedra

Pontevedra
28 de setembro 2023

Nun comunicado xustifican a súa decisión "á vista das decisións que de forma unilateral se teñen tomado dende a Deputación de Pontevedra sobre a dirección do Museo de Pontevedra" sobre as que manifestan a súa "disconformidade"

Consello asesor do Museo, primeira xuntanza Cristina Saiz

Os membros do Consello asesor do Museo de Pontevedra veñen de comunicar este xoves 28 de setembro a súa "dimisión inmediata e irrevogable".

María Dolores Dopico Aneiros, Beatriz Comendador Rey, Ramón Rozas Domínguez, Carmen Lamas Pérez, Xaime Domínguez Toxo, María Teresa Táboas Veleiro e Joaquín Martínez Silva, formaban parte ata hoxe deste Consello Asesor constituído o 27 de xaneiro de 2020.

Nun comunicado xustifican a súa decisión "á vista das decisións que de forma unilateral se teñen tomado dende a Deputación de Pontevedra sobre a dirección do Museo de Pontevedra" sobre as que manifestan a súa "disconformidade".

Os membros do Consello asesor explican que "non consideramos oportuno seguir a formar parte dun órgano que non está sendo consultado, se non ao que basicamente se ten ignorado dende o cambio de goberno". 

Nin lles parece "apropiado" que se lles trate como "convidados de pedra" e "parecer cómplices desta toma de decisións que son, en todo caso, de orde partidista pero que non responden a ningún parámetro de orde técnica".

Sobre as decisións adoptadas no Museo apuntan que "responde unicamente a motivacións de orde política" xa que entenden "non poden responder á valoración do traballo realizado pola equipa técnica" que cualifican como "un traballo serio, esforzado e rigoroso nestes anos".

Lembran que co recentemente cesado director do Museo, José Manuel Rey, "foi observable a transformación e apertura do Museo de Pontevedra", en primeiro lugar, "xa no proceso de designación desta dirección" que foi realizada a través dun proceso de selección "competitivo e non unha designación a dedo" e coa presentación dun proxecto definido a cinco anos, que se presentou e expuxo facendo partícipe desde ao Consello Asesor dende a súa constitución.

Sen entrar a valorar a nova dirección, neste comunicado sinalan que "a forma de escolla" da nova directora Ángeles Tilve "fala por si mesmo do cariz das novas liñas de actuación que se configuran no futuro da institución cultural".

Ao longo deste tempo e desde a súa constitución en xaneiro de 2020, o Consello foi convocado e consultado de forma habitual naquelas decisións de importancia para o futuro da institución museística, segundo destacaron. "Todos os membros tivemos ocasión de debater e conformar un escenario consensuado guiados sempre polo interese común de debuxar o mellor futuro para o Museo de Pontevedra", engaden.

Por todo isto, os membros do Consello asesor aseguran que "non podemos comprender" que desde a designación do vicepresidente Rafa Domínguez como responsable do Museo na configuración do novo goberno da Deputación de Pontevedra, "en ningún momento se teña convocado ao Consello Asesor, nin para expoñer as directrices ou, de habelas, as novas liñas de traballo, nin para consultar ao respecto da idoneidade do equipo para desenvolver ese novo plan de ruta".