Un día para recoñecer os 50 anos de "amor, respecto e comprensión mutua" de once matrimonios de Poio

Poio
02 de decembro 2024

Este domingo foi un día de celebración en Poio. O Concello rendeu homenaxe ás parellas que celebran as súas vodas de ouro. O alcalde brindou con eles nun acto "moi especial e emotivo"

Homenaxe en Poio polas vodas de ouro de once matrimonios Concello de Poio

Este domingo 1 de decembro foi un día de celebración en Poio. O Concello, como xa é tradición, rendeu homenaxe ás parellas do municipio que celebran as súas vodas de ouro

Nesta ocasión, foron once os matrimonios protagonistas da homenaxe. Con eles quixo brindar o alcalde, Ángel Moldes, nun acto "moi especial e emotivo".

"Hoxe é un día de recoñecemento ao que significan 50 anos de matrimonio, de amor, de respecto, de sacrificio e de comprensión mutua", destacou Moldes.

O alcalde insistiu en que este é un para recordar e valorar "todo o que conseguistes despois dunha vida xuntos" e quixo trasladar ás once parellas: "Sodes grandes exemplos para todos nós".

O salón estaba decorado para a ocasión e todas as parellas recibiron un diploma e un ramo de flores e fíxose repaso aos momentos máis importantes das súas vidas e aos fitos máis importantes acontecidos en 1974, ano da súa voda.

Homenaxe en Poio polas vodas de ouro de once matrimoniosConcello de Poio

Os matrimonios homenaxeados foron os de Félix Gulías e Herminia Hermida, José Manuel Tilve e Mercedes Couselo, José Torres e Dolores Rodríguez, Juan Manuel Rial e Trinidad Piñeiro, Rogelio Vilariño e María del Carmen Iglesias, Ángel Modesto Piñón e Ramona Penela, Sebastián Tomé e María Ángeles Blanco, Ángel Martínez e María Luisa Aguín, José Luis Martínez e María Dolores Franco, José Ferreiro e Elsa Torres e Francisco Castro e Rosa Casal.

Todos eles casaron hai 50 anos en Poio. Segundo a información facilitada polo Concello, 118 matrimonios celebraron a súa voda en Poio en 1974 e 31 deles fixeron a súa vida en Poio e teñen a sorte de vivir os dous membros. Por circunstancias persoais, tan só once participaron nesta homenaxe.

Ata a Casa Rosada achegáronse, ademais dos matrimonios e os seus familiares e amigos, o alcalde e a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres.