Un particular alertou a través dunha chamada á Policía Local de Pontevedra da presenza de anuncios en redes sociais sobre a celebración dunha festa particular en Mourente durante esta fin de semana. Unha patrulla trasladábase ata a zona para comprobar se se realizaba algún festexo destas características e os axentes atopáronse con dúas festas en dúas vivendas da parroquia pontevedresa.
Nunha atopábanse nove persoas non conviventes e na outra, oito persoas. Todas elas foron denunciadas, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra. Neste caso, tramitáronse 16 denuncias por exceder o número de persoas non conviventes nunha vivenda e outra por negarse a ofrecer a súa identificación aos axentes.
Segundo indicaba Anabel Gulías, portavoz do goberno local, durante os últimos días non se rexistraron incidentes no sector da hostalería. Do 19 ao 25 de abril tramitáronse 38 denuncias por incumprir cos protocolos covid por parte da Policía Local.
Cinco destas denuncias rexistrábanse de luns a xoves mentres que 33 producíanse entre o venres e o domingo. Oito destas infraccións establecíanse por non levar máscara, 17 por reunións entre non conviventes, 12 por saltarse o toque de queda e unha por non identificarse.
Desde o goberno local insisten na importancia de manter a responsabilidade e evitar situacións de risco para mitigar os efectos da pandemia.