A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria do novo programa de formación dual destinado a persoas con discapacidade intelectual que permitirá impulsar a súa integración laboral a través da cualificación e a experiencia profesional.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 2 millóns de euros a esta iniciativa, que se desenvolverá en colaboración cos centros especiais de emprego e da que se beneficiarán un total de 60 persoas das que dez son usuarias da Fundación Xoán XXIII de Pontevedra.
Os alumnos, que deberán estar inscritos como demandantes de emprego, contarán cun contrato para a formación e a aprendizaxe de tres anos de duración. A Fundación Xoán XXIII poñerá en marcha itinerarios formativos adaptados e estables que lles permitirán obter certificados de profesionalidade. Os apoios alcanzan nos tres anos os 34.482 euros por traballador.
O tempo de traballo efectivo será do 50% da xornada, e o 50% será destinado ás actividades formativas. A data de inicio está prevista para mediados deste mes de decembro.
A Fundación Xoán XXIII ofrecerá o certificado de auxiliar en viveiros, xardíns e centros de xardinería.