Dez operarios reforzarán as tarefas de limpeza e desinfección nos colexios electorais o 12 de xullo

Poio
10 de xullo 2020

Na entrada dos centros haberá xel hidroalcohólico e sinais que indicarán o itinerario de entrada e saída. Desde o Concello de Poio recomendan aos electores que se acheguen sen compañía aos colexios e que se manteñan o menor tempo posible nos edificios para evitar posibles contaxios

Urnas electorais Cristina Saiz

De maneira periódica durante toda a xornada electoral deste domingo 12 de xullo, un total de dez operarios levarán a cabo traballos de limpeza e desinfección nos colexios electorais de Poio para evitar a posibilidade de que se rexistre algunha incidencia que poida provocar o contaxio da Covid-19.

Desde o goberno local lembran que, para adaptarse ás medidas establecidas dentro dos protocolos, realizáronse varios cambios de emprazamento dos colexios electorais. O colexio electoral da Escola do Campo sitúase no CEIP Chancelas, na parroquia de Combarro. Mentres que en Samieira, o habitual local de votación instalado na antiga escola unitaria de Tarrío trasládase á Casa do Pobo.

Por último, na parroquia de San Salvador, o colexio electoral de Portosanto non estará aberto e a poboación que votaba nesta zona terá que dirixirse este domingo ás instalacións do centro da Galiña Azul.

Noutros colexios electorais acometéronse traballos para facilitar a accesibilidade e que os votantes poidan circular sen complicacións. No CEIP Viñas en San Salvador e no Isidora Riestra, de San Xoán, instaláronse ramplas. E no caso do primeiro centro tamén se realizou unha obra para establecer un novo pasamáns.

Segundo explican desde o goberno tripartito, todos os centros contan con entradas e saídas independentes para evitar que se rexistren acumulacións de votantes con indicadores para que as persoas cumpran co itinerario establecido. Ademais haberá xel hidroalcohólico nas entradas aos colexios electorais.

Efectivos da Agrupación de Protección Civil de Poio estarán presente nos colexios electorais para atender calquera necesidade ou facilitar información ás persoas que acudan a exercer o seu voto. O dispositivo preparouse durante varias reunións que técnicos da concellería de Seguridade Cidadá mantiveron con membros da Policía Local e de Protección Civil.

Os integrantes das mesas electorais tamén contarán con cadeiras que estarán separadas a unha distancia de dous metros e os interventores situaranse noutros asentos distanciados das mesas.

Desde a concellería de  Seguridade  Cidadá recoméndase aos votantes que tenten permanecer o menor tempo posible nos centros e acudan a votar sen compañía, agás en casos imprescindibles, evitando que se rexistren aglomeracións.