Este luns se incorporaron dez persoas ao cadro de persoal de vías e obras do Concello de Soutomaior.
O alcalde, Manu Lourenzo, doulle a benvida aos 6 peóns forestais, 2 varredoras e 2 albaneis contratados pola administración local ao abeiro do Programa +Provincia da Deputación Provincial.
Manu Lourenzo destacou que con este procedemento, "realizado con total transparencia e en igualdade de condicións", Soutomaior incorporará entre o mes de marzo e o mes de maio case unha vintena de persoas ao cadro municipal para realizar mantementos e limpeza de rúas no concello.
A maiores, o Concello tamén oferta un posto de auxiliar administrativo e outro para auxiliar da biblioteca que se incorporarán o 1 de abril.
A partir dese momento a incorporación do persoal de rúa realízase de maneira escalonada, co obxectivo de que haxa persoal a maior parte do ano, e que nos meses de maior necesidade, o concello conte coa totalidade das persoas contratadas de maneira activa.
Deste xeito, este luns comezaron 10 persoas ás que se sumarán no mes de maio 4 peóns forestais, 2 varredoras e 1 albanel.
Así, nos meses de verán, a cuadrilla de obras municipal estará integrada por preto de 20 persoas que se encargarán de manter o concello limpo e en boas condicións.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "Soutomaior traballa para ter a mellor cuadrilla de obras da súa historia".