A Policía Local de Poio tramitou durante a pasada fin de semana un total de dez denuncias por incumprimento das restricións vixentes.
Segundo informa o Concello de Poio, os axentes municipais interceptaron cinco vehículos que se saltaron o peche perimetral sen a pertinente xustificación. Todos eles foron localizados nas inmediacións da ponte da Barca e na Avenida de Andurique.
A estas infraccións hai que sumarlles outras cinco tramitadas a persoas que non levaban posta a máscara.
DANOS NUN CARTEL
Por último, a Policía Local participou nun operativo desenvolvido na tarde do pasado domingo, como consecuencia do temporal. As rachas de vento provocaron danos nun cartel de grandes dimensións do supermercado DIA situado na parroquia de San Xoán.
Ademais de dar aviso á empresa para o seu arranxo, procedeuse a instalar un perímetro de seguridade, a modo de precaución. Tamén participaron neste operativo os Bombeiros do Salnés.