Detido un pontevedrés por distribuír billetes falsos fabricados en Italia baixo o control da Camorra napolitana

Pontevedra
06 de maio 2024

Foi detido pola Policía Nacional no marco dunha operación internacional contra unha organización criminal que distribuía billetes falsos a través de redes sociais. A rede entregaba os pedidos de billetes falsificados de 20 e 50 euros a través de empresas de paquetería desde Italia a Francia, España e Alemaña 

Policía nacional Mónica Patxot

Un veciño da cidade de Pontevedra figura entre as doce persoas detidas nos últimos días pola Policía Nacional no marco dunha operación de índole internacional contra unha organización criminal que distribuía billetes falsos a través de redes sociais.

As falsificacións a obxecto desta investigación eran fabricadas en Italia baixo o control da Camorra napolitana e poñíanas á venda a través de Internet, principalmente a través das redes sociais. Logo, a rede entregaba os pedidos destes billetes falsificados – 20 e 50 euros principalmente – a través de empresas de paquetería.

A operación policial, bautizada Dominó, é conxunta entre a Policía Nacional e EUROPOL e tamén participaron o Corpo de Carabinieri de Italia, a policía alemá e a policía francesa

En España, houbo doce detencións en Alacante, Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Cantabria, Ciudad Real, Córdoba, Logroño, Madrid, Oviedo, Pontevedra e Soria, todos eles receptores de paquetes que contiñan billetes falsos. Ata Pontevedra desprazáronse axentes desde Madrid para realizar este arresto.

Ademais, producíronse detencións noutros países europeos como Alemaña (1) e Francia (3). 

As cantidades e os prezos deses billetes falsificados variaban dependendo da cantidade e o número de pedidos, rebaixándose o prezo do produto en cada unha delas. O pago podía efectuarse de diferentes formas, detectándose numerosos leitos noutras investigacións como son as transferencias por empresas de envío de diñeiro internacional, plataformas de pago electrónico ou en moedas virtuais

A investigación iniciouse cando o corpo dos Carabinieri alertou sobre a venda de billetes falsos a través de internet, en concreto, a través dunha plataforma de mensaxería instantánea.  Froito das primeiras xestións, púidose comprobar como esta rede estaba a enviar desde Nápoles paquetes con billetes falsos a outros puntos de Italia e a Alemaña, España e Francia. Nos últimos meses, detectaron 270 envíos, a maioría con destino a Italia, pero tamén a Francia (43), España (12) e Alemaña (2)

Unha vez o receptor tiña no seu poder a moeda falsa, este revendíaa en pequenas cantidades, de maneira directa ou mesmo introducindo os billetes no circuíto financeiro mediante a compra de produtos de pequeno valor, o que se coñece como "goteo", que lle achegaría, ademais do produto comprado, o beneficio da volta ou cambio entre o custo e o valor facial do billete falso entregado.