Detido un pontevedrés de 34 anos que trapicheaba con cocaína e haxix

Pontevedra
22 de abril 2022

O arresto produciuse no marco dunha intervención conxunta da Policía Nacional e a Policía Local de Pontevedra, que consideran "desactivado un punto de distribución de substancias estupefacientes"

Vehículos da Policía Nacional e da Local de Pontevedra Mónica Patxot

Un veciño de Pontevedra, de 34 anos de idade, foi detido como responsable como presunto autor dun delito contra a saúde pública.

O arresto produciuse no marco dunha intervención conxunta da Policía Nacional e a Policía Local de Pontevedra, que consideran "desactivado un punto de distribución de substancias estupefacientes", concretamente cocaína e haxix.

Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría da Policía Nacional, as investigacións iniciáronse a principios do mes de marzo, cando os axentes tiveron coñecemento da localización de distintos puntos de venda de droga polo miúdo en Pontevedra, polo que acordaron un operativo coa Policía Local. 

As investigacións postas en marcha lograron determinar tanto a identidade da persoa que sería a responsable das vendas de diferentes substancias a outras persoas, como as localizacións exactas dos "puntos negros de venda de substancias" e permitiron, ademais, incautar cocaína e haxix.

En relación cos puntos de venda, os policías constataron que existía un domicilio en Pontevedra, ademais das rúas adxacentes, que podería ser utilizado polo investigado para vender e distribuír a droga.

Finalmente, o pasado 6 de abril detívose a este pontevedrés e rexistrouse o seu domicilio, o que levou á aprehensión de diferentes cantidades de cocaína e haxix, útiles empregados e diñeiro presuntamente obtido da venda das devanditas substancias.