Axentes da Policía Nacional e da Policía Local de Vilagarcía detiveron un mozo de 22 anos, no barrio dos Duráns, como responsable da fractura de húmero sufrida pola súa nai.
Segundo informaron fontes oficiais do Concello de Vilagarcía, a Policía Nacional foi alertada dende o Hospital do Salnés, onde se atopaba unha muller de 51 anos que estaba a ser atendida dunha fractura no brazo ocasionada por unha suposta agresión por parte do seu fillo.
Na entrevista cos axentes, a muller explicou que a iso das oito da tarde o seu fillo a golpeara e a sacara da vivenda, deixándoa tendida no corredor do edificio, ferida e sen prestarlle auxilio.
Segundo consta no parte, pese aos forte dolores que sufría puido desprazarse arrastro ata outro andar e solicitar a axuda dunha veciña que foi a que avisou á ambulancia pasadas as once da noite.
A vítima asegurou que non era a primeira vez que sufría estes episodios de violencia por parte do seu fillo.
Requirido como reforzo unha patrulla da Policía Local, os axentes desprazáronse ao domicilio familiar, onde se atopaba o mozo procedendo a súa detención.
A muller permanecía ingresada no servizo de traumatoloxía en espera de ser operada por fractura de húmero.