Un home foi detido pola Policía Local de Pontevedra tras agredir a súa parella, á que colleu con violencia polo brazo e lle tirou o teléfono móbil ao chan.
O suceso produciuse ás 23:45 horas deste domingo na rúa Cruz Vermella, segundo detallou a Policía Local.
Foi unha testemuña que nese momento pasaba pola rúa co seu coche a que alertou ás autoridades ante a discusión que a vítima e o seu agresor mantiñan en plena rúa.
O home, tal e como recolle a denuncia que a Policía Local presentou de oficio contra el, impediulle á muller o acceso á vivenda dos pais del, onde ambos residían.
Colleuna por un brazo e non a deixou entrar. Nese momento, a vítima chamou á Policía Local e o agresor arrebatoulle o teléfono e o bolso, e tiroullo.
Tras a detención do seu agresor, a vítima -que non quixo presentar denuncia- foi trasladada ao centro de saúde da Parda para ser atendida das súas lesións.