O martes 9 de xaneiro, un home de 40 anos era detido pola Policía Local de Pontevedra como presunto autor dun delito de violencia machista contra a súa parella, unha muller de ao redor de 33 anos de idade.
Os feitos producíanse sobre as 08.30 horas nun establecemento da cidade.
O parte da Policía Local recolle a versión da vítima na que explica que durante unha forte discusión entre a parella, o home empuxouna. Esta acción provocou que a muller caera polas escaleiras que daban a un soto.
A caída provocoulle feridas en distintas partes do corpo. A discusión produciuse, segundo o parte policial, diante do fillo menor de idade.
Unha compañeira de traballo do home detido encargouse de apartar ao menor da discusión.
Tras a denuncia, axentes da Policía Local procederon á detención do presunto agresor.