Detido por asestar varias puñaladas a un veciño nun garaxe de Marín

Marín
07 de novembro 2024

O sospeitoso abandonou o lugar e foi detido pouco despois pola Policía Nacional. O ferido está no hospital e atópase fóra de perigo. Ocorreu sobre as 15.15 en Jaime Janer

Comisaría da Policía Nacional en Marín | ARQUIVO Daniel Santomé

A Policía Nacional detivo na tarde deste xoves un home de Marín pola agresión con varias puñaladas a un veciño.

A vítima é un home duns 50 anos que foi atendido nun primeiro momento en Marín e logo trasladado ao Hospital Montecelo con varias feridas de arma branca en distintas partes do corpo. Segundo fontes policiais, atópase "fóra de perigo".

Os feitos ocorreron sobre as 15.15 horas no garaxe dun edificio da rúa Jaime Janer.

Segundo confirmaron fontes policiais, a investigación continúa aberta para determinar o ocorrido e, de momento, descoñecen os detalles do ocorrido xusto antes da agresión.

Diversas fontes apuntan a que o agresor e a vítima mantiveron unha discusión, aínda que a Policía Nacional non o confirma. Si sinalan que un veciño asestou varias puñaladas ao outro.

O suposto agresor fuxiu do lugar e foi localizado e detido tempo despois. A continuación, foi trasladado á Comisaría de Marín.

A Policía Nacional estuda as circunstancias que rodearon a agresión e tamén se centran no estado de saúde do agresor.