A Policía Local de Pontevedra detivo a un mozo de 24 anos acusado de agredir a súa parella durante o transcurso dunha pelexa.
Os feitos, segundo informou o Concello de Pontevedra, producíronse na madrugada do pasado domingo no centro da cidade.
Foi unha chamada a policía a que alertou de que unha persoa estaba a agredir a unha muller, empuxándoa e tirándolle do pelo.
A vítima, que ten 20 anos, explicou aos axentes que mantivera unha discusión coa súa parella, quen se puxo agresivo con ela, agarrouna polo pescozo e colleuna dos pelos.
Ademais, a moza sostivo que o seu agresor era unha persoa celosa e que non era a primeira vez que ocorría algo así, xa que este mesmo ano xa fora agredida tras unha discusión similar.
A Policía Local constatou que a vítima tiña marcas vermellas no seu pescozo e esta confirmoulles que presentaría unha denuncia polo sucedido.
O detido, pola súa banda, recoñeceu que mantivera unha discusión coa súa noiva, pero negou que a agredira.
Ante o relato da vítima e de testemuñas do ocorrido, a Policía Local detivo ao mozo e investígao como presunto autor dun delito de violencia de xénero.