A Policía Nacional logrou deter un home ao que tiñan rexistrado como un dos individuos máis buscados especializados no roubo de coches de alta gama.
Nesta ocasión, roubou un Porsche na localidade de Arcade (Soutomaior) tras botar con violencia do vehículo ao seu propietario.
Así, concertou unha cita co vendedor do vehículo, logrou que lle permitise probalo e, xa co vehículo en marcha, empuxou de forma violenta ao propietario para botalo do coche e emprendeu a fuxida a toda velocidade.
Segundo a información policial facilitada, trátase dun condutor experto que adoita usar distintos métodos para os seus roubos, desde forzar o arranue con medios técnicos a usar chaves falsas ou empregar a violencia. Protagonizou de forma reiterada delitos contra a seguridade do tráfico, fugas e persecucións.
Tamén subtraía documentación a terceiros para conseguir novas placas de matrícula e mesmo utilizaba esa documentación roubada para contraer créditos ou dar de alta liñas telefónicas.
A operación policial, bautizada Recovery, iniciouse tras a denunia por este roubo do Porsche. Os axentes lograron interceptar ao sospeitoso cando conducía ese vehículo de alta gama subtraído con violencia a unha familia pontevedresa no verán de 2024.
Dentro do vehículo, os axentes atoparon en documentación roubada a tres persoas que era utilizada para cometer estafas ou suplantar a identidade das mesmas.
Tamén levaba múltiples ferramentas para cometer os delitos, nove teléfonos e outros efectos.
A Policía Nacional atribúelle varios delitos: roubo con violencia, falsidade documental e contra a seguridade viaria.