Deteñen un home que roubou un móbil valorado en 1.300 euros nun centro sanitario da cidade

Pontevedra
09 de outubro 2019

A Policía Nacional detiña este pontevedrés, de 46 anos e con antecedentes policiais, que tamén furtara unha pulseira intelixente nun establecemento comercial da rúa Sagasta

Axente da Policía Nacional de Pontevedra Cristina Saiz

Un home de 46 anos, veciño de Pontevedra, foi detido por axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra tras ser identificado como presunto autor dun delito de furto nun centro sanitario da cidade. A detido conta con antecedentes policiais.

Os axentes atopábanse realizando traballos de prevención da seguridade cidadá cando unha supervisora do centro médico solicitou a súa intervención porque instantes antes comprobaran a presenza dun home con actitude sospeitosa por unha das plantas, cando saía dunha das habitacións. O home abandonou apresuradamente o centro sanitario e o ocupante dunha das habitacións comprobou que lle faltaba o seu teléfono móbil, valorado en 1.300 euros, ademais duns auriculares.

A partir desa denuncia, iniciouse un dispositivo de busca polos arredores. E finalmente, os axentes localizaban o presunto ladrón nas proximidades da rúa Sagasta. No momento en que comprobou a presenza da policía comezou a correr tentando fuxir da zona.

Os axentes lograron interceptalo. Unha vez identificado e tras un cacheo de seguridade, detectaron o teléfono móbil e unha pulseira intelixente, que subtraera dun establecemento comercial en Sagasta.

 Foi detido por un delito de furto e trasladado á comisaría onde prestou declaración. Os obxectos que furtara entregáronse aos propietarios. O home xa fora identificado polos axentes policiais de forma reiterada por situacións semellantes.