O luns 16 de outubro ás 17.00 horas, axentes da Policía Local de Pontevedra desprazábanse ata a Rúa Serra, na contorna do Mercado de Abastos, debido a unha alerta recibida por unha agresión dun home a unha muller.
Os axentes atopábanse na zona á vítima acompañada da súa filla menor de idade, de tan só 19 meses, en estado de ansiedade e chorando.
A vítima trasladou aos axentes que minutos antes mantivera unha discusión en plena vía pública coa súa exparella por un problema coa pensión da filla. A partir dese momento, o home comezou a proferir graves insultos contra a muller, chegando a ameazala con quitarlle a custodia da nena, que se atopaba presente durante a discusión.
Segundo relataba a vítima, o home agarrouna polos brazos e tirábaa ao chan. Unha testemuña presencial afirmou aos axentes que escoitara gritar ao home insultando e ameazando para logo zarandear á muller ata lanzala ao chan.
Segundo os datos obtidos polos axentes policiais, a muller xa fora vítima de episodios similares en anteriores ocasións.
O home, de 25 anos de idade, foi detido no seu domicilio como presunto autor dun delito de violencia de xénero.
OUTROS DOUS CASOS
Este incidente non foi o único durante as últimas semanas en Pontevedra relacionado coa violencia machista.
O 10 de setembro ás 22.30 horas, a Policía Local de Bueu recibía unha chamada alertando dunha posible agresión dun home a unha muller. As dúas persoas dirixíanse en vehículo en dirección a Pontevedra.
Grazas á descrición dos axentes de Bueu do presunto agresor e dos datos do vehículo, ao redor das 00.00 horas, o home era localizado a través dun dispositivo de procura policial cando tentaba acceder á súa vivenda na capital da provincia.
Tanto a vítima como varias testemuñas confirmaron os malos tratos que recibía a muller cando saían dun restaurante en Bueu. O home obrigou á muller para subir ao turismo e a vítima tentou baixar cando xa se atopaba no interior sen logralo.
As testemuñas observaron que o home agredía a muller dentro do coche, golpeándoa en reiteradas ocasións contra o cadro de mandos do turismo.
O home, de 40 anos de idade, foi detido pola Policía Local de Pontevedra como presunto autor dun delito de violencia de xénero.
Oito días máis tarde, o 18 de setembro, ao redor das 01.00 horas, unha patrulla da Policía Local observaba a un vehículo que circulaba pola avenida de Bos Aires realizando manobras estrañas.
Os axentes deron o alto e comprobaron que a condutora se atopaba baixo os efectos do alcol dando resultado positivo na proba de alcoholemia.
A continuación, o acompañante baixaba do vehículo e dirixíase aos axentes insultándolles. Unha vez identificado, os policías comprobaron que o home, de 42 anos, tiña en vigor unha orde de afastamento da muller que conducía o turismo. Por este motivo era detido no lugar.