Deteñen, por tentativa de homicidio, un fillo dunha veciña de Bueu que apareceu fortemente golpeada

Bueu
11 de agosto 2024

A vítima, de 72 anos, permanece ingresada no Hospital Montecelo como consecuencia dos golpes sufridos principalmente na cabeza e na cara no seu domicilio situado nas Meáns

sin usar PontevedraViva - Arquivo

Unha veciña de 72 anos do municipio de Bueu foi atopada o venres inconsciente e con múltiples golpes na cabeza e na cara no seu domicilio da zona das Meáns.

Segundo fontes da Garda Civil, un familiar deu a voz de alarma ás 20:40 horas, e a muller foi inicialmente trasladada ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Bueu antes de ser derivada de urxencia ao Hospital Montecelo de Pontevedra, onde permanece entubada na UCI debido á gravidade das súas lesións.

A Garda Civil iniciou unha investigación que levou á detención dun dos fillos da vítima este sábado como presunto autor dos feitos.

O home está acusado de tentativa de homicidio.

Axentes do grupo de Criminalística acudiron ao domicilio para recoller probas e pegadas que poidan aclarar o sucedido.

O detido permanece nos calabozos da Garda Civil de Pontevedra á espera de pasar a disposición xudicial.