Un operativo dos gardapescas marítimos da confraría de Pontevedra e da Policía Autonómica permitiu atrapar un grupo de mariscadores furtivos que extraeran ilegalmente máis de 18 quilos de ameixa xapónica.
Segundo informaron fontes oficiais do servizo de Gardapescas, os feitos sucederon ás 23.00 horas da noite deste luns cando os furtivos estaban nos areais da Illa dos Ratos, no Concello de Poio.
Ao saberse descubertos os furtivos fuxiron a pé polo monte. Tras a súa persecución os axentes lograron incautarlles dous sacos que contiñan ameixa xapónica.
Desde o servizo de Gardapescas advertiron que estes furtivos son reincidentes, que adoitan operar habitualmente na zona de Poio e que contan con innumerables sancións por feitos similares.
A Xunta de Galicia lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de forma ilegal supón un risco para a saúde ao non pasar ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre fóra das vías legais.