O BNG de Marín denuncia a aparición de pingueiras e filtracións na piscina municipal tras as primeiras choivas do outono, apenas unha semana despois de advertir sobre problemas de humidade nas instalacións.
Lucía Santos, concelleira do BNG, critica que estas deficiencias xurdan poucos meses despois dunha intervención integral na cuberta, fachadas e estruturas metálicas da piscina.
A agrupación nacionalista lembra que se investiron 604.000 euros nestas obras, segundo anunciou o concelleiro de deportes do PP, Antonio Traba, en febreiro.
As pingueiras afectan tanto ás zonas de baño como ás áreas de acceso, supoñendo un risco para a seguridade dos usuarios.
Nun dos casos, a filtración prodúcese na contorna dun punto de luz.
O BNG esixe que a empresa adxudicataria, Sergonsa Servicios S.L., repare inmediatamente as deficiencias observadas, en base ao prazo de garantía do contrato.
Santos cuestiona a eficacia da xestión municipal e reclama unha explicación detallada sobre os traballos realizados e as razóns polas que non se resolveu o problema da cuberta a pesar do elevado investimento.
PSOE
O grupo municipal socialista de Marín criticou duramente a situación da piscina municipal, cualificándoa de "desastrosa" e "caótica".
Manuel Pazos, voceiro do PSOE, expresou o seu asombro ante as continuas deficiencias detectadas na instalación.
Segundo Pazos, tras a reapertura da piscina hai seis meses, observáronse numerosos problemas, entre os que destacan tamén as filtracións de auga nos vestiarios durante as chuvias e falta de aire acondicionado no ximnasio.
Ademais, alertan da ausencia de maquinaria de exercicios actualizada; problemas no ascensor; deficiencias en taquillas, duchas e baños; peche prolongado do jacuzzi e a sauna seca; e mal funcionamento da porta de entrada.
Os socialistas esixen ao goberno local que "deixe de tantas fotos e comece a executar as obras con rigor e seriedade", denunciando o que consideran un "descontrol e despilfarro de diñeiro público sen precedentes" no concello.