O cribado poboación con PCR convencional que Sanidade fixo esta semana en Vilanova de Arousa logrou detectar catro positivos. Todos eles eran persoas que se contaxiaran da covid-19 e eran asintomáticos.
Participaron un total de 1.348 persoas, cifra que representa unha porcentaxe do 71,59% dos cidadáns convocados, homes e mulleres entre 50 e 65 anos de idade.
Os positivos detectados, por tanto, foron apenas o 0,30% das mostras analizadas.
Este cribado, que era de carácter voluntario, desenvolveuse no pavillón municipal de Vilanova durante tres días.
Alí traballaron dous equipos de enfermería en cada quenda, que efectuaron as tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, así como a realización e proceso das tomas das mostras nasofarínxeas, que se efectuaron tanto a pé como en coche.