Detectan catro positivos entre 762 mozos na primeira xornada de autocita para cribados en Fexdega

Pontevedra
21 de xullo 2021

Nos cribados realizados a poboación con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa entre o 16 e o 20 de xullo foron detectados 38 casos positivos, segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde este mércores 21

Zona de cribado no Hospital Provincial Mónica Patxot

A Consellería de Sanidade fixo pública a táboa cos resultados dos cribados masivos realizados durante os últimos días na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés entre poboación con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos.

O venres 16 de xullo eran citadas en Vilagarcía 1.200 persoas dos municipios de Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova e Vilagarcía. Das 458 probas realizadas nesa xornada detectáronse 10 positivos. A mesma cifra de 10 contaxios rexistrábase durante o cribado que se realizaba o día 17 tamén en Vilagarcía de Arousa para poboación dos mesmos  Concellos. Neste caso acudiron 516 persoas das 1.200 citadas.

No municipio de Pontevedra, durante o domingo 18 e o luns 19 estaban citadas 800 persoas cada día dos municipios de Poio, Marín e Pontevedra. Na primeira xornada realizáronse 314 probas e na segunda, 335 con resultado de 10 positivos o domingo e 4 durante o cribado do luns.

Este martes 20 establecíase o sistema de autocita destinado a poboación de entre 16 e 35 anos no recinto de Fexdega en Vilagarcía de Arousa con 1.474 persoas que utilizaron este sistema solicitando o  cribado. Realizáronse 762 probas, nas que se detectaron 4 casos positivos. Segundo a Consellería a cifra de 1.474 persoas está relacionada cos datos de planificación de autocitas que se realizan desde a área sanitaria atendendo aos recursos diarios dispoñibles, non ás solicitudes presentadas, que foron 762.

Este mércores 21 de xullo continúa este cribado a través da fórmula de autocita a través da páxina web e das aplicacións do Servizo Galego de Saúde (Sergas).