Destitúen a José Ramón Gómez e nomean a José Flores como novo xerente da área sanitaria

Pontevedra
04 de agosto 2022
Actualizado: 13:27

José Flores, que se formou como residente nesta área e exerceu na base medicalizada do 061 de Pontevedra e nas urxencias dos hospitais de Montecelo e do Salnés, cesará este xoves como xerente do Servizo Galego de Saúde, cargo que ocupaba desde setembro de 2020. José Ramón Gómez, sufría nos últimos meses a presión sindical e social pola falta de facultativos e o deficiente funcionamento de PACs e Atención Primaria

Presentación de José Flores Arias como novo xerente da área sanitaria de Pontevedrda-O Salnés Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunica este xoves 4 de agosto da designación de José Flores Arias como novo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Substitúe no cargo ao actual xerente José Ramón Gómez.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, anunciaba aos xefes de servizo e supervisoras de enfermería do hospital, e tamén aos membros da xunta de persoal da área deste cambio na dirección dos hospitais e centros de saúde dos distritos de Pontevedra e O Salnés.

O novo xerente da área incorporarase despois de que o Consello de la Xunta acorde este mesmo xoves o cesamento do seu actual posto como xerente do Sergas. José Flores conta cunha ampla traxectoria como xestor na sanidade pública galega. 

Substitúe a José Ramón Gómez, cuxa xestión durante os últimos meses estivo marcada pola polémica. As queixas convertéronse en xenerais tanto por parte de profesionais, centrais sindicais, Concellos e usuarios debido aos problemas que se detectan en Atención Primaria, PACs e Urxencias hospitalarias, agravados pola falta de persoal facultativo.

JOSÉ FLORES ARIAS

Flores Arias é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela como premio extraordinario e ten un diploma de estudos avanzados en Medicina pola mesma universidade. Realizou o seu período formativo como médico interno residente nesta área sanitaria entre os anos 1996 e 1999. Despois desenvolveu o posto de médico coordinador da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desde maio de 1999, onde se converteu en xefe de sala e en subdirector asistencial. Durante ese período tamén traballou nas urxencias de Montecelo e O Salnés.

A partir de 2005 ocupou o posto de médico asistencial na base medicalizada do 061 en Ferrol, para despois trasladarse á base medicalizada do 061 en Pontevedra, onde exercería como xefe de base ata abril de 2017. Nese tempo, durante 2009, ocupou o cargo de director asistencial de Atención Primaria en Pontevedra. En 2017 pasou a desempeñar o cargo de director asistencial da FPUSG 061 ata que en novembro de 2018 era nomeado director.

En setembro de 2020 ocupou o cargo de xerente do Sergas ata este 4 de agosto. Durante esta fase tivo que enfrontarse á xestión da pandemia da covid-19. Durante as últimas xornadas mantivo un encontro con representantes sindicais da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés aos que xa anunciou que se ían a rexistrar cambios no equipo xerente de Pontevedra. Agora será el quen asuma a resolución dos conflitos abertos.

Durante o encontro que se mantivo este xoves no Hospital Montecelo sen presenza de medios de comunicación, o conselleiro Julio García Comesaña quixo agradecer o traballo de José Ramón Gómez ao longo destes últimos cinco anos e medio, nos que desempeñou un "extraordinario labor", do que destacou a súa visión e dedicación no deseño e preparación do futuro Gran Montecelo.

Ao longo da mañá Sonia Fernández-Arruti presentaba a súa dimisión como directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Por outra banda, Sanidade tamén anunciou quen ocupará o posto de José Flores como xerente do Sergas. Será Estrella López Pardo. ata a actualidade directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.