A veciñanza da contorna de Fernando Olmedo e Casimiro Gómez considera que "sería posible" levar a ceo aberto o derradeiro tramo do río Valdecorvos como solución para rematar coas inundacións na zona e para mellorar esta parte da cidade.
Así o sinalan nun comunicado no que responden ao Concello de Pontevedra, que esta semana sinalou que estuda tres alternativas diferentes para solucionar as inundacións.
Os veciños e veciñas da zona fanse eco dun plano realizado o pasado mes de setembro no marco dun estudo preliminar de alumnado da Universidade da Coruña.
Usando como referencia esa imaxe, conclúen que "levar a ceo aberto o derradeiro tramo do río Valdecorvos sería posible" utilizando unha das metades de José Malvar para esa canle fluvial ata o mar.
Con esta solución, gañaríase zona verde e solucionaríase o mal acceso de Camiño Vello de Castela á rotonda superior. Como resultado, faríanse "innecesarios" os semáforos no cruce coa rúa da Seca, foco habitual de retencións de tráfico.
A posibilidade que eles ven supón levar o río Valdecorvos a ceo aberto dende os edificios do CGTD ata o mar. Son os derradeiros 300 metros do río e suporía "un exemplo de estratexia de adaptación ao cambio climático".
Faríase "buscando previr inundacións recuperando os procesos naturais do río na chegada ao nivel do mar" e "utilizando os espazos libres previstos polo PXOM de 1989 para descubrir o resto do río cando se desenvolvan as edificacións previstas".
A posibilidade de levar o río Valdecorvos descuberto polo lateral do estadio do CGTD deixando unha zona inundable, que pode verse no plano, está relacionada orixinalmente coa intercepción da canle actual do río ao seu paso entre os edificios do CGTD.
Segundo os veciños e veciñas, a solución debuxada tería unha alternativa "similar e compatible coa proposta do Concello de zona inundable no parque do Camiño Vello de Castela", se ben coa "grande vantaxe" de verter esta zona inundable directamente ao mar.
A solución do plano tamén ten un punto de partida similar e compatible coa solución do Concello de aliviadoiro e novo colector pola rúa José Malvar, pois podería igualmente levar a auga deste novo colector dende o Camiño Vello de Castela ata o mar, "coa vantaxe de facelo dun xeito máis natural".
Outra clave desta posibilidade de descubrir o río na súa desembocadura a nivel do mar é o do financiamento, pois consideran os veciños que unha renaturalización deste tipo pode optar a fondos máis importantes da Unión Europea e implica ao organismo estatal de Costas e ao Goberno central.