Despregan 17 medios aéreos para controlar dous incendios en Caldas e Moraña

Umia
11 de setembro 2013

O lume de Caldas de Reis iniciouse ás 13.24 horas na parroquia de Bemil e quedou controlado ás 15.12 horas. O Ministerio de Medio Ambiente enviou á zona unha aeronave de comunicacións e observación (ACO) da base de Matacán en Salamanca. Pouco despois de quedar controlado, ás 15.40 horas, iniciouse outro na parroquia de Saiáns, en Moraña. Segue activo ás 20.00 horas

Un incendio forestal que tardou en controlarse menos de dúas horas en Caldas de Reis e outro que permanece sen controlar as 20.00 horas en Moraña supuxeron na tarde deste mércores o despregamento de 17 medios aéreos de extinción da Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio. Algúns dos vehículos interviñeron nos dous lumes.

Segundo indicou a Consellería do Medio Rural e do Mar, o lume de Caldas de Reis iniciouse ás 13.24 horas na parroquia de Bemil e quedou controlado ás 15.12 horas.

Para a súa extinción, despregáronse un axente forestal, tres brigadas, unha motobomba, tres helicópteros e seis avións. Entre eles encóntrase un avión anfibio de 5.500 litros de capacidade procedente da base de Labacolla na Coruña e un Helicóptero Kamov de 4.500 litros da base de Ibias en Asturias. Ademais, o Ministerio enviou á zona unha aeronave de comunicacións e observación (ACO) da base de Matacán en Salamanca.

Pouco despois de quedar controlado este lume, ás 15.40 horas, iniciouse outro na parroquia de Saiáns, en Moraña. Segue activo ás 20.00 horas e para o seu control enviáronse á zona tres axentes forestais, oito brigadas, tres motobombas, dous pas, tres helicópteros e cinco avións.

Arquivado en