Pontevedra acollerá do 16 ao 22 de setembro unha serie de actos con motivo da celebración da Semana da Mobilidade, un acontecemento que ten como principal eixo a celebración do día sen coches o xoves 22.
Este martes, o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará presentaba acompañado por representantes de diversos colectivos as actividades que se van a desenvolver durante sete días.
O xoves 15 emítese o documental La era de la estupidez, na Casa da Luz. O venres 16 e o sábado 17 levarán a cabo rutas nocturnas a pé polo centro histórico baseándose na gastronomía, a cargo de Cunca e Nécora Noitiña.
Ese venres realizaranse revisións gratuítas das bicicletas en Motobike e durante o sábado levará a cabo unha ruta de iniciación á bicicleta de montaña. Ese fin de semana, os menores de 18 anos tamén poderán viaxar gratis en Autocares Rías Baixas.
Os interesados en aprender o fundamental da mecánica para bicicletas poderán acudir a un curso no Centro Social Leste. E ao día seguinte levará a cabo un curso de Pedaladas para coñecer a normativa, seguridade e selección das rutas, que terá continuidade o mércores 21.
Xa durante o 22 celebrarase o día sen coches no que, a través do twitter: @MasaCriticaPont pedirase que participen persoas nun evento nas redes sociais enviando fotos indo á escola, a traballar ou de compras a pé, en bicicleta ou en transporte público. Os hashtags que se poden utilizar son #EuSonSustentabel #GreenCampus e #Pontevedretate.
Tamén se desenvolverá unha reunión de ciclistas na Peregrina ás 20.00 horas organizada pola asociación Masa Crítica. Desde este colectivo insisten en lembrar que en Pontevedra non é preciso utilizar vehículos de motor cando para desprazarse dun extremo a outro da cidade non se precisan máis de 15 minutos. Desde estes colectivos sinalan que a mobilidade intelixente xenera economías fortes e Quique Pérez, de Masa Crítica, apuntaba que existen estudos que demostran que en cidades como Nova York, as rúas con carril bici contan cun incremento dun 49% das vendas nos establecementos. Afirman que as persoas que se trasladan a pé consumen na cidade mentres que as que empregan o vehículo motorizado viaxan a outras urbes para levar a cabo as súas compras.