O doutor Javier García Vega, xefe de servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, trasladou unha mensaxe á poboación co fin de evitar a sobresaturación que, durante estas últimas xornadas, está a vivirse na zona de Urxencias do Hospital Montecelo.
Afirma que permanecemos nunha situación de epidemia de virus respiratorios. Especifica tamén que a Gripe A para está a xerar complicacións graves en persoas vulnerables de idade avanzada e tamén de mediana idade con comorbilidades, é dicir, con dúas ou máis enfermidades.
Por este motivo, lembra que son estas persoas en caso de síntomas de alarma quen debe acudir ao servizo de Urxencias, nos centros de Saúde ou ao PAC, para a súa avaliación. No caso de que detecten dificultade respiratoria, dor no peito ou alteración do nivel de consciencia, García Vega indica que deben acudir a estes espazos sanitarios para unha observación.
Unha vez que sexan avaliados, estes dispositivos asistenciais decidirán se deben ser remitidos ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo para realizar unha exploración máis detallada con analíticas ou radiografías e, desta forma, detectar se existen complicacións que precisen dunha atención urxente.
Pero advirte á poboación de que debe evitarse acudir de forma directa a Montecelo por enfermidades banais, que nestes momentos "están a producir sobrecarga do sistema sanitario urxente". Lembra que este servizo ten que priorizar a asistencia ás enfermidades graves e ás patoloxías tempo-dependentes como é o caso dun infarto, un ictus ou atención de feridos por accidentes graves.
O doutor Javier García Vega alerta da elevada afluencia aos servizos de Urxencias Hospitalarias de persoas novas, sen enfermidades previas, con síntomas gripais como é a febre, mucosidade, tose, diarrea, malestar xeral ou dores musculares.
A este tipo de pacientes solicítalles que permanezan nos seus domicilios, con tratamentos sintomáticos como inxesta de Paracetamol, Ibuprofeno, líquidos e repouso.
Ademais lembra a todas aquelas persoas con síntomas de catarro ou gripe que deben de ter posta a máscara protectora cando se atopen en contacto con outras persoas, xa sexan familiares, amizades ou no caso de atoparse en aglomeracións. Pero, sobre todo, incide no uso de máscara protectora ante persoas vulnerables.
"Estamos nunha situación nunca vista, nin sequera antes da pandemia", afirma o xefe do servizo de Urxencias debido a unhas cifras de afluencia que nunca antes rexistráronse.
"A poboación debería de facer un uso responsable dos recursos sanitarios que son limitados e manter libres os servizos de Urxencias Hospitalarias para atender as urxencias e emerxencias", expón demandando á poboación un uso correcto deste servizo.