A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta este sábado 29 de xaneiro con 7.591 casos activos de coronavirus, o que supón un descenso de 138 con respecto ao venres segundo informa o Servizo Galego de Saúde.
Esta baixada nas estatísticas prodúcese a pesar de terse detectado 546 novos contaxios na última xornada, ao ser compensado con 684 altas epidemiolóxicas a pacientes.
Tamén baixa a cifra de hospitalizados, con 9 persoas menos ingresadas para un total de 85, das que 5 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo. O resto fano en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (69) e o Hospital do Salnés (11).
Desde o inicio da pandemia superaron o virus 40.462 persoas na área sanitaria, producíndose 241 falecementos de pacientes con positivo activo en covid.
En canto á realización de probas, na última xornada o Sergas fixo 805 PCR en Potevedra e O Salnés.