Desborda o río Verdugo polas chuvias das últimas horas

Ponte Caldelas
09 de outubro 2024

O alcalde Andrés Díaz indica que tres equipos de operarios están traballando na resolución dos numerosos problemas que causou o temporal Kirk durante as últimas horas

O río Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas

O río Verdugo volveu desbordar debido as intensas chuvias rexistradas desde a tarde do martes 8.

Ao seu paso polo municipio de Ponte Caldelas causou numerosos asolagamentos deixando imaxes espectaculares da crecida das augas.

O alcalde Andrés Díaz indica que tres equipos de operarios están traballando "desbordados polas incidencias do temporal Kirk" e sinala que se está a actuar nos casos máis urxentes.

Diversas árbores desprendéronse cortando estradas.

Tamén caeron postes e cables de telefonía debido aos fortes ventos ao igual que tellados e chapas que voaron.

Foi necesario cortar o acceso a Chan da Barcia ante o risco de inundación nun punto onde o inverno pasado chegou a quedar completamente asolagado o campo de fútbol.

Tamén se rexistraron retencións do tráfico rodado na estrada PO-532, entre Pontevedra e Ponte Caldelas debido ao desprendemento de tres árbores.

Andrés Díaz pide precaución á cidadanía para evitar que se incrementen as incidencias durante as vindeiras horas.