Desbloquean o proxecto do centro loxístico de Froiz para o polígono de Barro-Meis

Barro
19 de xullo 2015

O Concello de Barro celebrou este venres un pleno extraordinario no que se aprobou a modificiación puntual da formulación do polígono industrial de Barro-Meis, que situaba un aparcadoiro no medio dos dous terreos destinados ao centro loxístico de Froiz, que dará traballo a unhas 500 persoas

Infografía do proxecto de Froiz para Barro Meis Grupo Froiz

O Concello de Barro celebrou este venres un pleno extraordinario no que se aprobou a modificiación puntual da formulación do polígono industrial de Barro-Meis, que situaba un aparcadoiro no medio dos dous terreos destinados ao centro loxístico de Froiz, que dará traballo a unhas 500 persoas.

A actuación do Concello tivo que esperar a que a Xunta dese luz verde ao informe estratéxico permitindo recolocar as parcelas de aparcadoiro e uso industrial.

A nova situación da zona de estacionamento para a frota de camións de Froiz tamén permitirá unha mellor accesibilidade e funcionalidade ao encontrarse nun vial principal de distribución do tráfico.

O propio alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, deu conta da importancia deste trámite para desbloquear os plans da empresa e que poida poñer en marcha canto antes o seu ambicioso centro loxístico para abastecer á súa cadea de supermercados.

Segundo os plans avanzados polo empresario Maxín Froiz, a súa empresa comprou 16 parcelas para construír varias naves, un comedor e gardaría para os empregados.

A dimensión deste proxecto levou a Deputación a licitar a construción dunha estación depuradora, por 1,2 millóns de euros, para atender ás novas necesidades deste centro operativo.

Agora a empresa Froiz xa poderá tramitar as licenzas de obra.