Desbaratan tres festas en Marín durante a fin de semana, unha delas con 16 persoas sen máscara

Marín
08 de febreiro 2021

A Policía Local deu conta este luns das tres intervencións, sendo a máis destacada a realizada o sábado nun chalé abandonado do municipio, onde se atopaban polo menos 16 mozos, non conviventes, con música e bebida

Restos dunha festa desbaratada pola Policía Local de Marín Policía Local de Marín

A Policía Local de Marín localizou e interveu en tres festas ao longo da fin de semana nas que non se cumprían as medidas de restrición impostas para frear o avance da covid.

A máis rechamante de todas tivo lugar o sábado, cando os axentes recibiron unha alerta dun veciño asegurando que nun chalé abandonado do municipio estaba a desenvolverse unha festa cun numeroso grupo de mozos. Ao chegar ao lugar, a patrulla da Policía comprobou a existencia da festa ilegal, na que participaban polo menos 16 mozos sen facer uso das máscaras de protección e con música e bebidas preparadas. Por todo iso procedeuse a disolver a celebración propoñendo unha sanción para todos os participantes.

Tamén o sábado, pola noite, recibiuse outro aviso denunciando unha festa nun piso, comprobando os axentes ao chegar que existía ruído de varias persoas no interior. Falando co ocupante da vivenda, recoñece que está a celebrar unha festa con amigos non convivintes pero negándose a finalizala e asumindo as consecuencias da mesma en forma de expediente sancionador.

Por último durante a tarde do domingo foi necesario intervir para disolver unha reunión de 8 mozos nun espazo natural onde estaban a comer e beber sen ningún tipo de protección. Ao ser cuestionados pola súa actitude, o encontro disolveuse sen resistencia.

En total ao longo da fin de semana a Policía Local de Marín tramitou un total de 44 denuncias relacionadas coas medidas de prevención da covid.