Desaloxan nove veciños polo incendio da Ferrería

Pontevedra
01 de febreiro 2016

O cordón de seguridade establecido pola Policía Local marcou un perímetro ao redor de toda a praza e impedindo o acceso a Michelena. As reiteradas explosións do cadro eléctrico foron provocando a sucesiva ampliación da área restrinxindo o acceso aos centos de cidadáns que se arremolinaban para ver o suceso

Incendio do edificio de La Moda Ideal nos soportais da Ferrería

A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme Da Silva, está a seguir desde A Ferrería todo o dispositivo de seguridade despregado para sufocar o voraz incendio que afectou dous edificios que comparten medianeira e que dan coas súas fachadas á rúa Michelena e a praza da Ferrería.

O cordón de seguridade establecido pola Policía Local marcou un perímetro ao redor de toda a praza e impedindo o acceso a Michelena. As reiteradas explosións do cadro eléctrico foron provocando a sucesiva ampliación da área restrinxindo o acceso aos centos de cidadáns que se arremolinaban para ver o suceso.

Carme da Silva explicou que "atendendo ao protocolo" o primeiro que fixeron os profesionais das forzas e corpos de seguridade é "valorar a situación e proceder á evacuación dos edificios colindantes para evitar que haxa vítimas".

Desaloxouse nove veciños, un deles unha persoa de avanzada idade con problemas de mobilidade que vivía nun edificio contiguo aos inmobles sinistrados.

A partir deste punto, o seguinte foi o control do lume desde as dúas frontes, "aínda que podía parecer que era máis espectacular pola Ferraría, realmente pola Michelena era onde máis perigo tiña", dixo Carme da Silva.

O primeiro aviso do incendio foi ás 20:45 horas. Segundo informou a concelleira de Seguridade Cidadá foi un particular que transitaba pola rúa Michelena quen primeiro detectou a presenza do lume na tenda Cuplé, e inmediatamente alertou ao corpo de Bombeiros.

Polo momento descoñécense as causas do lume. Ás 22:50 horas desta noite o incendio deuse por controlado.

A estrutura interior dos edificios esborrallouse e a intensidade das chamas reduciuse.

A concelleira de Seguridade Cidadá mostrouse contrariada polas críticas que algúns cidadáns fixeron aos bombeiros e lembrou que "son grandes profesionais que saben facer o seu traballo e o fan da forma que eles consideran oportuno", ademais destacou que "están a traballar con risco para as súas vidas", que "merecen o noso respecto", porque "están aquí dende ou minuto cero". 

Na extinción deste incendio están intervindo todos os bombeiros dispoñibles do Concello de Pontevedra, coa colaboración dos do Salnés, e Protección Civil de Poio

Arquivado en