Derivan dúas persoas feridas ao QuirónSalud tras sufrir un atropelo matinal en Domingo Fontán

Pontevedra
08 de novembro 2023

Os feridos son dous homes de mediana idade. O atropelo producíase arredor das 08.00 horas deste mércores 8 no paso de peóns situado nas inmediacións da gasolineira do Burgo. A unha das vítimas pasáralle unha roda por riba dun pé mentres que a outra recibía o impacto do turismo

Paso de peóns na avenida Domingo Fontán PontevedraViva - Arquivo

Dúas persoas resultaban feridas este mércores 8 de novembro nas proximidades da Ponte do Burgo na rúa Domingo Fontán ao ser atropeladas por un turismo.

Segundo a información facilitada pola Policía Local e o Concello de Pontevedra, o atropelo producíase arredor das 08.00 horas cando dous homes, de arredor de corenta anos, cruzaban a rúa por un dos pasos de peóns situado nas proximidades da gasolineira de O Burgo.

Unha das rodas do turismo pasáballe por riba do pé dunha das vítimas, mentres que a outra recibía un golpe como consecuencia do impacto co vehículo. Os dous homes foron trasladados ao Hospital QuirónSalud. Inicialmente o prognóstico das feridas non era grave.

Segundo as mesmas fontes, o condutor explicou aos axentes da Policía Local que non vira os peóns cando circulaba pola vía.