A Deputación de Pontevedra simplificará os trámites para realizar obras nas parcelas da contorna das estradas provinciais ao seu paso polos núcleos rurais.
É unha das primeiras consecuencias que terá o estudo de delimitación de treitos urbanos en solos de núcleo rural das estradas provinciais que ten en marcha esta administración.
Segundo o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López será un punto de inflexión para os donos destes terreos nos concellos de Vilaboa, Silleda, Moaña, A Estrada, Marín, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Valga, Ponteareas e Vilanova de Arousa.
Representantes destes municipios acudiron este xoves á presentación deste estudo nun acto celebrado no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación.
Segundo explicaron, trátase dunha ferramenta que permitirá aos concellos simplificar os trámites, prescindir dos informes sectoriais que ata agora eran necesarios e aplicar a ordenación urbanística municipal a aquelas parcelas situadas ás beiras das estradas provinciais ao seu paso por núcleos rurais.
Este instrumento permite recoñecer como treitos urbanos os solos de núcleo rural xunto ás estradas provinciais.
Entre os beneficios da aplicación deste estudo, sobresae a redución de conflitos entre normas urbanísticas e sectoriais para o desenvolvemento de proxectos construtivos, así como a protección da contorna rural e a mellora da seguridade viaria.
Ademáis, Luis López destacou o apoio en materia de infraestruturas e asistencia intermunicipal que a Deputación de Pontevedra presta aos concellos cunha suba do 47,5 % e do 14 %, respectivamente, para o vindeiro ano 2025 que suporá a mobilización de case 30 millóns de euros: 24,4 millóns, na primeira; e 4,7 millóns, na segunda.
Así mesmo, o mandatario provincial reafirmou o compromiso na colaboración coa administración municipal, especialmente neses temas de xestión que, por falta de medios, fan que os concellos da provincia precisen a asistencia da Deputación para adaptarse a normativas como a tratada neste encontro sobre delimitación de treitos urbanos ou, como citou o presidente, a implantación da nova normativa de xestión do lixo.
MANÉ-REBÓN MORAÑA
Tamén este xoves, a deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, visitou xunto co alcalde de Moraña, Sito Gómez, e membros do goberno local, a estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón para explicar á veciñanza as obras que se están acometendo de forma urxente para reparar o firme.
Ademais, Couselo tamén adiantou aos veciños que o convenio para a mellora da mobilidade e seguridade viaria nun tramo desta estrada provincial, que ascende a 1,4 millóns de euros, vai ser aprobado proximamente en Xunta de Goberno da Deputación.