A Deputación lanza un programa para a alfabetización dixital dos maiores de 50 anos

Pontevedra
17 de marzo 2025

Este programa xorde dun contexto no que a dixitalización de numerosos servizos e xestións provoca unha fenda dixital entre xeracións e colectivos sociais que non deixa de crecer.

Presentación do programa +Reto Dixital
Presentación do programa +Reto Dixital Pontevedra Viva

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presentou este luns, xunto co deputado Jorge Cubela e outros membros do goberno provincial, o novo programa +Reto Dixital dirixido á alfabetización dixital dos maiores de 50 anos en calquera ámbito da súa vida cotiá.

Luís López explicou que este programa xorde dun contexto no que a dixitalización de numerosos servizos e xestións provoca unha fenda dixital entre xeracións e colectivos sociais que non deixa de crecer.

Isto ten unha especial incidencia no medio rural, debido á súa menor densidade de poboación e a que esta está cada vez máis envellecida.

A administración provincial, a través do Servizo de Mocidade e Reto Demográfico, xa abriu a convocatoria deste programa que está dirixido aos 34 municipios de reto demográfico que non participen no proxecto "Hub contra a fenda dixital e a soidade non desexada" durante o ano 2024 (Forcarei, A Illa de Arousa, Moraña e As Neves).

Segundo explicou Jorge Cubela, o obxectivo desta iniciativa é ofrecer formación dixital ás persoas maiores de 50 anos empadroadas nestes concellos para facilitarlles a súa relación cos servizos da administración electrónica, especialmente para garantir unha cobertura axeitada e acceso á sanidade, servizos asistenciais e atención á dependencia.

Tamén se persegue que estas persoas adquiran unha maior autonomía na xestión de trámites cotiáns, mellorando así a súa calidade de vida a través da adquisición de habilidades dixitais.

Son cinco os talleres ofertados: A administración electrónica; a sede electrónica da Deputación de Pontevedra e do seu Concello; o Sergas, a súa aplicación electrónica e a plataforma electrónica de asistencia domiciliaria (TELEA); uso da banca móbil e as compras electrónicas, e, finalmente, as redes sociais.

Cada concello poderá solicitar dous talleres de capacitación tecnolóxica. Ademais, poderá indicar na solicitude un obradoiro adicional si quedasen prazas sen adxudicar tras a concesión inicial. A asignación destes talleres adicionais realizarase por orde de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Deputación.

Cada taller terá unha duración de cinco horas e incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e de internet.

En cada taller poderán participar entre oito e quince persoas, cun custo de cinco euros por participante. A formación será presencial e será impartida unha empresa especializada entre os meses de xuño e decembro, en función das preferencias dos concellos e o alumnado e da dispoñibilidade da empresa adxudicataria.

Os concellos que se beneficien deste programa deberán seleccionar ás persoas beneficiarias e proporcionar unha aula idónea para a formación.

Luís López destacou que con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico.