A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este venres o convenio con Arlea Hotels, S.L. para a entrega das Pousadas de Armenteira e A Lanzada para a súa explotación pola empresa adxudicataria.
Silva salientou que "en só sete meses" o novo goberno provincial resolveu a "auténtica desfeita" das Pousadas do Salnés o "proxecto estrela" de Rafael Louzán, anterior presidente da administración provincial quenfoi "incapaz de levalo adiante" desde 2009, a pesar dos reiterados anuncios para a súa apertura, primeiro en Semana Santa de 2015 e despois no verán, sen que se producira en ningunha das dúas datas.
Dende a súa toma de posesión o 24 de xullo de 2015 o goberno de Carmela Silva tivo que adoptar unha serie de "decisións de urxencia" ante o "total abandono que sufría o proxecto" xa que as catro pousadas non tiñan licenza nin de primeira ocupación, nin de actividade. As catro carecían tamén de vixilancia e de seguridade e esgotaran o presuposto para o subministro eléctrico.
Hai que lembrar que os edificios das catro Pousadas do Salnés: Armenteira, A Lanzada, Ribadumia e Meaño, estaban rematados desde 2012, hai catro anos.
Aínda así, as Pousadas non se entregaran á empresa concesionaria que non asinou un programa de explotación das mesmas, nin as actas de inicio de posta en funcionamento. De feito, a propia empresa adxudicataria puxo de manifesto que os inmobles non podían ser recibidos "debido as súas múltiples deficiencias". O seu recurso do 10 de agosto confirmaba que os inmobles "non estaban en condicións para a entrega".
"SITUACIÓN DE ABANDONO"
No caso da Pousada de Meaño nin sequera tiña dado de alta o consumo eléctrico e precisaba dun transformador. Do crédito dispoñible no proxecto Pousadas quedaban só 861 euros e o goberno provincial tívo que pedir un préstamo para abonar as facturas eléctricas porque o subministro "corría perigo".
O presuposto inicial case se triplica e a achega da Deputación multiplicouse por 5
"Ante semellante situación de abandono", o novo goberno provincial creou un grupo de traballo coa empresa concesionaria para facer un diagnóstico real da situación a fin de ir solucionando as deficiencias.
Dende entón, e "en pouco máis de dous meses" contratouse o seguro para as instalacións por importe de 11.000 euros, pagáronse as facturas eléctricas de máis de 6.000 euros, dotouse á Pousada de Meaño dun transformador eléctrico, contratouse a vixilancia dos catro edificios por 30.000 euros e axilizouse a concesión das licenzas de ocupación e turísticas.
Armenteira ten licenza, en Ribadumia pagáronse as taxas (31.000 euros) e na Lanzada completouse a documentación solicitada polo Concello para finalizar a súa tramitación
"É dicir, en pouco máis de dous meses fíxose máis traballo que nos seis anos anteriores de Louzán, para intentar solucionar un problema creado, aparcado, mal xestionado e ruinoso", afirmaron dende o goberno bipartito.
O orzamento inicial das Pousadas do Salnés era de 9 millóns de euros, dos que máis de seis millóns e medio viñeron de fondos europeos. Cando chega o novo goberno en xullo de 2015, a Deputación de Pontevedra levaba gastados máis de 20 millóns: 20.118.279 euros. O presuposto inicial case se triplica e a achega da Deputación multiplicouse por 5, aínda máis no momento actual polos pagos pendentes que se tiveron que facer.