A Deputación presenta un orzamento de 209 millóns de euros para o vindeiro ano

Pontevedra
29 de outubro 2024
Actualizado: 15:13

O presidente da Deputación, Luis López debullou o reparto destas "contas extraordinarias" que supoñen "unha demostración de certezas e estabilidade", dixo

O goberno provincial presentou os Orzamentos para 2025 Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este martes o Orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2025, que alcanza os 209 millóns de euros o que supón un aumento do 10,5 %, uns 20 millóns de euros, con respecto ás contas do presente ano 2024.

O orzamento consolidado chega aos 214 millóns, incluíndo á Escola de Enfermería e os Consorcios contra incendios.

Nun acto celebrado no vestíbulo do Pazo provincial, e acompañado dos membros do seu goberno, xefes de servizo e traballadores da Deputación, Luis López debullou o reparto destas "contas extraordinarias" que supoñen "unha demostración de certezas e estabilidade" e que, comprometeuse, entrarán en vigor a día 1 de xaneiro.

A partida máis importante é a destinada á cooperación cos concellos que ascende a 71,4 millóns de euros, rexistrando así unha suba de case o 8 % con respecto aos recursos reservados neste 2024.

Nesta área, enmárcase a segunda edición do plan +Provincia, que volverá contar cunha contía de 48,2 millóns de euros que se repartirán entre os concellos de menos de 50.000 habitantes.

A estes investimentos, Luis López sumou, fóra do orzamento, os 35 millóns do Plan Extra ou os 8 millóns do segundo Plan de Infraestruturas Deportivas que xa foron presentados recentemente. "Volvemos destinar máis dun terzo dos recursos á cooperación cos municipios", destacou Luis López.

O Orzamento volve recoller unha partida de 7,5 millóns de euros para financiar investimentos en Vigo y Pontevedra. A isto engadiu o mandatario provincial "proxectos estratéxicos" como os 5,2 millóns de euros para financiar a nova grada de Gol de Balaídos ou os 1,1 millóns para organizar a Bienal de Arte de Pontevedra, así como "o impulso" para a rehabilitación do Cine Fraga ou Santa Clara.

Os fondos reservados para a área de Deporte ascenden nun 15 %, ata os 6,4 millóns de euros e inclúen a creación dunha nova liña de axudas dotada con 300.000 euros para colaborar co tecido deportivo na adquisición de vehículos ou outros activos necesarios para a súa actividade, o reforzo das axudas ás federacións ou unha nova Cátedra do Deporte en colaboración coa Universidade. Ademais, increméntase nun 51 % a dotación da liña de subvencións, que no ano 2024 foi de 100.000 euros, para a organización de eventos deportivos de interese turístico.

A partida da área de Turismo crece tamén nun 8 % ata situarse en 6 millóns de euros cun incremento do apoio ás festas de interese turístico internacional ou o reforzo da marca Rías Baixas Fest.

Cultura resérvase 5,4 millóns de euros, unha suba do 14 % con respecto ás contas do 2024, que terán como destino iniciativas como +Escénicas, o primeiro circuíto de teatro e danza impulsado pola Deputación; ou a recuperación da liña de apoio para a adquisición de instrumentos musicais e vestiarios dotada con 200.000 euros.

Acción Comunitaria contará cun orzamento de 2,4 millóns de euros (un 20 % máis) e Infraestruturas disporá de 24 millóns de euros, case 8 millóns máis que este ano, para "seguir mantendo en perfecto estado" os máis de 1.600 quilómetros da rede de vías provinciais o que contrasta, segundo dixo o presidente "co lamentable e indigno estado das estradas de titularidade estatal, que dependen do Goberno de Sánchez".

Outras liñas de investimento que rexistran subas son promoción de emprego (do 7,5 %, ata os 150.000 euros), Benestar Social (6 %), e un aumento do 14 % en asistencia intermunicipal e ata un 9 % de ascenso nas contías para fomento da lingua galega.

Luis López lamentou que estas contas tamén se ven afectadas por "outras obrigas herdadas do goberno anterior" ás que debe facer fronte o ente provincial a partir do vindeiro ano 2025 como é a devolución dos primeiros 2,8 millóns da débeda de 25 millóns máis intereses contraida nun préstamo para poñer en marcha o Plan REACPON.