A xunta de goberno da Deputación licitou este venres o proxecto para o primeiro tramo da rolda urbana de Pontevedra cun custo de 2,4 millóns de euros. O proxecto, denominado como Acceso a Montecelo - Príncipe Felipe, é un vial de 1,4 quilómetros dende a estrada provincial EP 0542 Ponte Bora - O Pino e a PO-532 Pontevedra - Ponte Caldelas.
Trátase dun vial con calzada única, dous carrís de 3,50 metros, un ancho de beiravías dun metro e unha senda peonil de catro metros.
O goberno provincial estableceu un prazo de realización do traballo de redacción do proxecto de catro meses cun presuposto de 60.000 euros, e abriu un prazo de presentación de ofertas de 15 días, dende a súa publicación no BOP.
Espérase que a empresa que resulte adxudicataria poda facer a obra "en menos de catro meses"
A intención da Deputación é que a empresa que resulte adxudicataria poda facer a obra "en menos de catro meses" e como mellora acometa o acceso peonil a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
Con esta licitación do proxecto, a Deputación cumpre co convenio asinado co Concello de Pontevedra que establece que a institución provincial financia o 50% da obra, asume a redacción do proxecto e a licitación, dirección, execución e recepción das obras e a tramitación das expropiacións. Pola súa banda, o Concello paga as expropiacións (560.000 euros) e o 50% da execución da obra, e pon a disposición os terreos así como o outorgamento da licenza e outros permisos.
Ambas as dúas institucións queren que esta obra se inclúa no futuro como parte da Circunvalación, ou Rolda Urbana, de Pontevedra ao tempo que solucione, e substitua, o atallo que agora se utiliza para subir a Montecelo e Príncipe Felipe a través da Rúa das Pereiras, das Olivas e Ángel Limeses, hoxe insuficientes e non destinadas a soportar o tráfico actual.