A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), pon en marcha unha iniciativa para a consolidación e crecemento dos proxectos empresariais das persoas emprendedoras que superaron o programa Coworking de Barro nalgunha das súas seis edicións, celebradas entre os anos 2017 e 2021.
Nesta acción de reforzo, que se desenvolve entre xullo e novembro de 2021, participan 61 persoas, 37 mulleres e 24 homes,de toda a provincia con proxectos empresariais moi diversos, que abarcan desde o campo cultural e audiovisual ou a artesanía, á big data, pasando pola oferta de servizos e produtos sostibles, o turismo, o impulso ao rural, o sector agroalimentario ou servizos destinados a empresas.
Durante este verán, acceden a titorías persoais para detectar as necesidades de apoio de cada unha delas e a partir de setembro terán acceso aos contidos e apoio preciso mediante asesoramentos individuais con persoas expertas e unha formación grupal a través de cinco talleres en liña.
Os contidos máis demandados polos participantes están relacionados co uso das novas tecnoloxías, a xestión e o financiamento. O interese céntrase principalmente no impulso ás vendas por internet, o uso de sistemas de crowdfunding e o acceso a fontes institucionais de financiamento, así como a optimización das funcionalidades e optimización do perfís profesionais en redes sociais de traballo para conseguir contactos cualificados para os seus negocios e o manexo de ferramentas dixitais de control de xestión, así como a medición e avaliación dos resultados dos investimentos e accións de tipo publicitario en buscadores, redes sociais e plataformas en liña.