O goberno do PP aproba o orzamento de 209 millóns de euros para 2025 na Deputación

Pontevedra
08 de novembro 2024
Actualizado: 16:11

Segundo o PP un terzo dos recursos irá destinado aos municipios da provincia. O BNG criticou a falta de diálogo coa oposición na elaboración do documento e o PSOE a falta de investimentos en relación ás mulleres e na mellora das estradas

O PP aproba o orzamento da Deputacióna para 2025 Mónica Patxot

No pleno extraordinario celebrado este venres 8 no Pazo Provincial, a Deputación de Pontevedra aprobou inicialmente os orzamentos para 2025, ascendendo a unha cifra récord de 209 millóns de euros.

Este orzamento, defendido polo deputado do Partido Popular, Jorge Cubela, representa un incremento do 10,5% respecto ao deste 2024 e marca a primeira vez que a institución supera os 200 millóns de euros.

O orzamento consolidado, que inclúe a Escola de Enfermería e o Consorcio contra incendios, chega aos 214 millóns.

Na súa exposición, Cubela destacou que un terzo dos recursos, 71,4 millóns de euros, irán destinados directamente aos concellos da provincia. 

Engadiu que este orzamento reflicte estabilidade, rigor e seriedade por parte do goberno provincial.

César Mosquera (BNG) e Luis López, presidente da DeputaciónMónica Patxot

Porén, o portavoz do BNG, César Mosquera, na súa intervención inicial criticou a falta de diálogo do goberno provincial coa oposición e a priorización do gasto corrente, que cualificou de "pan para hoxe e fame para mañá".

Tamén lamentou a ausencia de investimentos en xestión de residuos e a falta de apoio á gala dos Premios Feroz, que se celebrará en Pontevedra.

Ana Laura Iglesias, portavoz do PSOE, anunciiaba tamén o voto en contra socialista, sinalando que o orzamento non transforma a provincia e criticando a rebaixa de axudas aos concellos, ás mulleres e nas estradas provinciais.

Ana Laura Iglesias (PSOE) fala co presidente Luis LópezMónica Patxot

Expresou preocupación por prácticas que considera pouco participativas e transparentes na xestión das axudas.

En resposta, Cubela afirmou que hai un compromiso de financiamento cos Premios Feroz e destacou que empregan un sistema de escoita á cidadanía recuperando as axudas a asociacións veciñais e o aumento de programas culturais.

Defendeu que o PP ten a súa propia folla de ruta, aprendendo dos erros pasados e respectando a autonomía municipal. E sinalou ao PSOE que "non acepto leccións en política de Igualdade" ante as críticas á falta de axudas sinalando que se están a realizar diversos proxectos desde este departamento.

Os orzamentos para 2025 foron aprobados grazas á maioría absoluta do PP, fronte aos votos en contra do PSOE e do BNG.

Deputados do Partido Popular antes de iniciarse o plenoMónica Patxot