Deporte federado, ximnasios, hostalería... así quedan as restricións a partir deste xoves

Pontevedra
20 de xaneiro 2021

A partir das 00.00 horas deste xoves 21 de xaneiro entran en vigor novas restricións e pasan a ter nivel de restricións máximas, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: A Illa de Arousa, A Lama, Bueu, Caldas de Reis, Cuntis, Meis, Moraña, Poio, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa

Persoas paseando con máscara en Pontevedra Mónica Patxot

A nova orde da Consellería de Sanidade pola que se establecen as últimas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da covid-19 en Galicia trae a partir das 00.00 horas deste xoves 21 de xaneiro novas restricións. Deporte federado, ximnasios e hostalería concentran a maioría dos cambios recollidos no último Diario Oficial de Galicia publicado. 

CONCELLOS EN ALERTA MÁXIMA

Están en nivel de restricións máximas, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: A Illa de Arousa, A Lama, Bueu, Caldas de Reis, Cuntis, Meis, Moraña, Poio, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa

MEDIDAS ESPECÍFICAS

  • Nestes concellos aplícase peche perimetral individual. Permítense os desprazamentos entre concellos a aquelas persoas que teñan cultivos, vides. ou precisen atender animais.
  • Limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, excepto no caso de persoas conviventes.
  • O interior dos establecementos de restauración permanecerá pechado ao público e só poderán abrir as terrazas ata un máximo do 50 % ata as 18.00 horas.
  • Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes, poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas. 

 

SERVIZOS A DOMICILIO (en todos os concellos)

  • O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

 

DEPORTE FEDERADO (en todos os concellos)

Acórdase a suspensión das competicións de deporte federado de ámbito autonómico e os adestramentos deben respetar os peches perimetrais e os toques de queda.  

 

INSTALACIÓNS DEPORTIVAS (en todos os concellos)

  • A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva ata un máximo de catro persoas sexan ou non conviventes, excluído o monitor.
  • Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva de forma individual, ou colectiva cun máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes, excluído o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida.  
  • En ningún caso se abrirán aos usuarios os vestiarios e zonas de duchas, podendo habilitarse, nos casos estritamente necesarios, espazos auxiliares. A ocupación máxima será dunha persoa, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia.

 

ACTIVIDADES PECHADAS en alerta máxima

  • Pechan os establecementos para espectáculos taurinos, circenses,  feirais e de exhibición e pirotécnicos.
  • Pechan os establecementos dectividades recreativas: establecementos de xogo, casinos, salas de bingo, salóns de xogo, tendas de apostas.
  • Pechan os establecementos para actividades deportivas: pistas de patinaxe, piscinas recreativas de uso colectivo, establecementos para atraccións e xogos recreativos, parques de atraccións e temáticos, parques acuático, salóns recreativos e parques multiocio.
  • Pechan os establecementos para actividades culturais e sociais: salas de concertos, establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas, establecementos de ocio e entretemento, salas de festas, discotecas, pubs, cafés-espectáculo, furanchos e centros de lecer infantil.

 

COMERCIOS en alerta máxima

  • Límite do aforo 50% de capacidade.
  • Nos centros comerciais, non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns, excepto para o tránsito entre os establecementos.
  • A capacidade das zonas comúns dos centros e parques comerciais queda limitada ao 30%.
  • Zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso deben permanecer pechadas.
  • Mercados ao aire libre: 50% dos postos habituais ou autorizados.
  • Deberán pechar ao público ás 21:30 horas.

 

VIDA SOCIAL en alerta máxima

  • Celebracións con motivo de cerimonias relixiosas ou civís: cun máximo de 50 persoas en espazos pechados e 100 ao aire libre.
  • Lugares de culto: 1/3 da súa capacidade máxima permitida.
  • Velorios: 10 persoas en espazos pechados e 25 en espazos abertos sexan ou non conviventes.
  • Enterramento ou despedida para a cremación: 25 persoas entre familiares e achegados sexan ou non conviventes.
  • Bibliotecas, arquivos, museos: 50% da súa capacidade máxima permitida. As actividades culturais de grupo: Máximo 4 persoas sexan ou non conviventes excluido o monitor ou guía.
  • Cines, teatros e auditorios: Sentados: calculando 1,5 metros nas 4 direccións entre os asistentes cun límite máximo de 250 persoas nos espazos pechados e 500 persoas nos espazos ao aire libre.
  • Actividades de tempo libre para poboación infantil e xuvenil: ao aire libre, o limite de participantes ao 50% da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de 50 participantes, excluidos os monitores. En espazos pechados, non se deberá superar o 50% da capacidade máxima do recinto, cun máximo de 25 participantes, excluidos os monitores. As actividades deberán realizarse en grupos de ata 4 persoas participantes, sexan ou non conviventes excluidos os monitores. Os grupos deberán traballar sen contacto entre eles.  

 

QUE FACER DURANTE O TOQUE DE QUEDA (en todos os concellos)

Durante o perÍodo comprendido entre as 22:00 e as 6:00 horas, as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización de, entre outras, as seguintes actividades:

  • Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.
  • Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
  • Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.
  • Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
  • Retorno ao lugar de residencia habitual tras realizar algunhas das actividades previstas neste apartado.
  • Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
  • Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
  • Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
  • Reposición en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.

 

AS CIFRAS QUE MOTIVAN AS MEDIDAS

O Diario Oficial de Galicia publicado a última hora do martes explica que estas novas medidas acordáronse como resposta ao informe da Dirección Xeral de Saúde pública do 19 de xaneiro, no que se observa que en Galicia as taxas de incidencia a 3, 7 e 14 días seguen a presentar un incremento de valores con datos de 134,4, 290,9 e 471,9 casos por cen mil habitantes respectivamente. Por áreas sanitarias, as taxas a 14 días acadan valores superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes en todas elas, superando mesmo os 500 casos por 100.000 habitantes nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago, Ferrol e Ourense.

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de casos secundarios que ocorren por cada caso activo, parece que comeza a invertir a tendencia ascendente que viña presentando ata o de agora. Non obstante, continúa mostrando valores superiores ao limiar situado no 1 en todas as áreas sanitarias e no global de Galicia, o que indica que segue a haber transmisión.

En canto á porcentaxe de positividade do total das probas PCR realizadas en Galicia, obsérvanse valores superiores ao 7% nos últimos 17 días, estando no 11,4%. En Galicia hai, na actualidade, brotes identificados que están en vixilancia epidemiolóxica e baixo medidas restritivas, pero a situación actual caracterízase pola presenza de casos en practicamente case todos os concellos. Así, do total de concellos nos últimos 14 días, houbo casos en todos eles agás en 34.

En relación coas hospitalizacións, nos últimos 28 días superáronse os 20 ingresos diarios; rexistrándose máis de 35 ingresos en 20 deses días e chegando a superar os 80 ingresos en tres deles. Así mesmo, cómpre ter en conta a maior porcentaxe de persoas de idade entre os hospitalizados e que, na actualidade, todas as áreas sanitarias teñen casos ingresados nas UCI.