Unha moza deberá responder no xulgado de Marín por un presunto delito de falsidade documental. O motivo? Levar un certificado médico falso que lle eximía de levar posta a máscara, obrigatoria para todos os cidadáns pola pandemia da covid-19.
Os feitos remóntanse ao pasado 5 de febreiro cando unha patrulla da Policía Local de Marín sorprendeu a unha moza camiñando en compañía doutra persoa. Non levaba posta a máscara, segundo relatan desde este corpo policial.
A moza asegurou aos axentes que non podía levala porque tiña unha enfermidade respiratoria. Portaba unha prescrición médica selada e asinada por un médico colexiado.
A sorpresa chegou cando, tras comprobar a documentación, a Policía Local comprobou que a firma e o número deste facultativo pertencen a un médico dos popularmente chamados 'negacionistas' e que o certificado non era oficial.
Ademais nos dous últimos parágrafos, o presunto certificado trata de coaccionar aos axentes que paren ás persoas que os levan, acusándolles da comisión de dous supostos delitos.
Os policías puideron averiguar que o documento que portaba esta moza descárgase libremente da internet, sen pasar por ningún exame médico.
Ante estes feitos, foi denunciada perante o xulgado de instrución de Marín como autora un delito de falsidade documental e dun delito de coaccións contra os axentes.