Denuncian unha agresión a un menor ao que deron labazadas e romperon as lentes nun pub de madrugada

Pontevedra
10 de setembro 2024

A Policía Nacional investiga a agresión, rexistrada nun local da rúa Charino. O menor denuncia que tivo un encontrón con outro mozo que lle chamaba "negro de merda" aínda que este mozo négao. Propinoulle tres labazadas. Logo achegouse un porteiro e deulle outra labazada. A súa nai critica a actuación policial

Policía Nacional na rúa Charino / ARQUIVO Cristina Saiz

A noite do sábado ao domingo, mentres miles de persoas festexaban as últimas horas da Feira Franca e a festa posterior, unha nai pontevedresa acabou na Comisaría. Acudiu a denunciar que o seu fillo menor de idade acababa de sufrir unha agresión no interior dun pub.

En contacto con PontevedraViva, esta nai relatou que ela estaba na casa cando, sobre á unha da madrugada, recibiu a chamada do seu fillo. O mozo, que ten 17 anos, saíra de festa e estaba nun coñecido local da rúa Charino cando lle agrediron. 

Segundo consta na denuncia presentada horas máis tarde na Comisaría da Policía Nacional, estaba na planta superior do pub cando tivo un encontrón con outro mozo ao que non coñecía de nada. Esoutro mozo recriminoulle que lle chamaba "negro de merda", aínda que este mozo négao.

A continuación, propinoulle tres labazadas, de modo que caeu ao chan. Caéronselle as lentes e perdeunas de vista.

Nese momento, achegouse o porteiro da planta superior do pub e separounos, pero o mozo agredido denuncia que tamén o porteiro acabou agredíndoo. Propinoulle unha labazada.

Tras ambas as dúas agresións, o mozo foi á planta baixa e informou o outro porteiro. Este outro traballador, segundo consta na denuncia, subiu á planta posterior, desaloxouna e atoparon as lentes, que tiñan as 'patillas' rotas e os cristais raiados.

Coas lentes localizadas, o mozo abandonou o local e chamou á súa nai. A nai alertou á Policía Nacional xa nese momento e móstrase moi crítica coa actuación policial.

"Non fixeron ben o seu traballo", critica esta nai pontevedresa. "Tiven que chamar seis veces e á terceira chamada pedíronme o número do menor", denuncia. 

Segundo esta nai, os policías dixéronlle ao seu fillo que se desprazase ata a Subdelegación do Goberno desde a rúa Charino para atoparse con eles e ela considera "o normal sería que fosen eles ata o local".

Así, critica que "nin levantaron acta nin foron ata o local". Era un negocio de lecer nocturno no que nese momento había menores e ningún policía foi comprobalo. "Non compareceron alli", cuestiona esta pontevedresa. Ademais, critica que "tardaron media hora en chegar".

Fontes consultadas por este xornal indicaron que todo ocorreu nun momento no que a rúa Charino estaba chea de xente e os desprazamentos polo centro histórico estaban limitados pola celebración da Feira Franca. 

Ademais, fontes policiais sinalan que, cando falaron coa nai e o seu fillo por teléfono, estes comunicáronlles que o neno ía en dirección á Praza de España. Confirman, ademais, que nese momento era imposible chegaron cun coche patrulla á rúa Charino.

Desde a Comisaría da Policía Nacional confirman que existe esta denuncia e avanzan oficialmente que a Policía Xudicial está a investigar os feitos para esclarecer o ocorrido e localizar aos autores.

Á hora de investigar, contan cunha foto do suposto agresor realizada polo menor ferido e tamén cun parte médico, pois o mozo foi coa súa nai ao centro de saúde da Parda

O mozo presenta unha ferida no ollo dereito e a zona encarnada e tivo que comprar unhas novas lentes.