Denuncian un ex empregado por varios roubos nun restaurante de Poio no último ano

Poio
14 de outubro 2020

Segundo puido constatar a Policía Local, existen gravacións nas que se pode ver este home accedendo ao interior do restaurante en plena noite, fóra do horario de actividade, nas horas previas ás que os responsables do negocio descubriron os furtos. Neses roubos, levou do local cartos en efectivo, un televisor e un ordenador portátil

Sede da Policía Local de Poio Policía Local de Poio

Un veciño de Poio está a ser investigado pola Policía Local e foi denunciado ante o Xulgado de Garda de Pontevedra como presunto autor dun delito continuado de roubo que cometeu nun restaurante de San Xoán no que estivo traballando.

Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, este restaurante da parroquia de San Xoán sufriu varios roubos en outubro e novembro de 2019 e durante varios meses de 2020 e de todos eles é sospeitoso este antigo empregado do local.

Os responsables do negocio presentaron a denuncia hai uns días, logo de comprobar que unha das entradas do local fora forzada. Neste último roubo, o sospeitoso non puido entrar no local porque a entrada fora reforzada, pero nos anteriores si que chegou a rexistrarse o roubo.

As cámaras de seguridade coas que conta o establecemento permitiron identificar o investigado e confirmar que xa perpetrara os roubos previos ao longo do último ano. Segundo puido constatar a Policía Local, existen gravacións nas que se pode ver este home accedendo ao interior do restaurante en plena noite, fóra do horario de actividade, nas horas previas ás que os responsables do negocio descubriron os furtos. Ademais, hai varias testemuñas que reforzan estas sospeitas.

Neses roubos, levou do local cartos en efectivo, un televisor e un ordenador portátil.

A Policía Local dá por finalizada a investigación e as dilixencias foron entregadas no Xulgado de Garda de Pontevedra.