Denuncian sabotaxes en dúas instalacións do servizo de saneamento de auga en Pontevedra

Pontevedra
20 de febreiro 2019

A empresa Viaqua denunciou ante a Policía Nacional danos na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Os Praceres e un punto de bombeo de auga residual situado na zona de Tafisa. As consecuencias non foron maiores porque saltou unha alarma e puidéronse solucionar as desfeitas

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres PontevedraViva

A empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento de Pontevedra, Viaqua, denunciou ante a Policía Nacional dúas sabotaxes noutras tantas instalacións da cidade, a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Os Praceres e un punto de bombeo de auga residual situado na zona de Tafisa.

As dúas sabotaxes producíronse nestas instalacións do servizo de saneamento de Lourizán e da avenida de Buenos Aires na madrugada do venres ao sábado 16 de febreiro, sobre as 2.00 horas, e non tiveron maiores consecuencias porque, cando alguén cortou varios cables, saltou unha alarma e o persoal de garda acudiu ás instalacións. Desta forma, púidose solucionar no momento, antes de que provocase problemas no abastecemento ou depuración. 

De todos os xeitos, desde a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia manifestaron, a través de fontes oficiais, a súa "preocupación" polo ocorrido, pois supuxeron causar danos en instalacións de uso público. Ademais, chaman a atención sobre o feito de que non tivo maiores consecuencias pola rápida actuación dos técnicos ao salgar a alarma, pero si poderían xerar problemas para a cidadanía. 

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ponteveda, José Manuel Cores Tourís, manifestou a súa preocupación por este tipo de accións "moi prexudiciais para o medio ambiente e para todos os veciños" e o seu convencemento de que se cortaron eses cables "para producir dalgunha maneira que houbera verteduras ao mar neste caso".

Fontes coñecedoras destes feitos indicaron que non hai constancia de sabotaxes en anteriores ocasións en ningunha destas instalacións de uso público. Tras estes últimos acontecementos, desde Viaqua tomáronse xa medidas de incremento da seguridade

Segundo consta na denuncia presentada por un representante de Viaqua ante a Policía Nacional de Pontevedra, sobre as 2.00 horas da madrugada do sábado saltou unha alarma no telecontrol da EDAR de Os Praceres, na parroquia de Lourizán, e acudiron ao lugar tanto o persoal de garda como a xefa de planta para comprobar que estaba a suceder. Nese momento, observaron que as dúas reixas de desvaste estaban paradas e non se podía volver poñer en funcionamento, xa que había varios cables do motor da reixa seccionados.

Posteriormente, detectouse outro salto de alarma nun bombeo de auga residual situado na avenida de Buenos Aires. Persoas descoñecidas forzaron o cadro de manobra, cortando un cable de manobra dunha das bombas, un cable dunha fase de alimentación. Provocou que unha das bombas se queimase e o cable de toma de terra

Ambas as instalacións dependen da empresa Viaqua e carecen de sistema de seguridade con cámaras de vídeo gravación. Segundo a valoración realizada pola empresa, a bomba está valorada en aproximadamente 1.500 euros.