Denuncian que un tractor volve causar danos nun petróglifo en Campo Lameiro

Umia
27 de abril 2016

Segundo denunciou o colectivo na defensa do patrimonio A Forneiriña, aínda falta unha comprobación detallada do monte rozado, pero xa se localizou unha laxe con gravados circulares situada a ras do chan que foi seriamente afectada por unha desbrozadora que, "para maior escándalo", deixou a pegada das súas rodas. Estas tamén se comproban enriba dos gravados circulares

Petróglifo danado no monte veciñal do lugar de Parada, na parroquia de San Isidro de Monte, en Campo Lameiro Colectivo A Forneiriña

En xaneiro de 2015 un tractor que realizaba tarefas de roza no parque rupestre de Campo Lameiro pasou por enriba dun dos petróglifos e causou danos na rocha coas cadeas metálicas. Pouco máis dun ano despois, a escena volveuse repetir no municipio, pero neste caso afectando a un petroglifo situado no monte veciñal do lugar de Parada, parroquia de San Isidro de Monte.

Aínda falta unha comprobación detallada do monte rozado, pero xa se localizou unha laxe con gravados circulares situada a ras do chan que foi seriamente afectada por unha desbrozadora que, "para maior escándalo", deixou a pegada das súas rodas. Estas tamén se comproban enriba dos gravados circulares.

Segundo denunciou o colectivo na defensa do patrimonio A Forneiriña, o petróglifo afectado é o coñecido como Chan do Carbón 3, inventariado coa referencia GA3600098, e o tractor desbrozador pasou sobre os círculos prehistóricos coas rodas e coas cadeas de metal

 O colectivo denuncia que a práctica do rozado incontrolado dos montes está a afectar seriamente a numerosos bens patrimoniais, pois os traballos adoitan facerse sen coidado, garantías, vixilancia e seguimento de persoal experto e coñecedor do monte. Isto converte o patrimonio xeolóxico e arqueolóxico "nun espazo degradado e ameazado"

Ao respecto, recordan que preservar o patrimonio cultural situado no monte é responsabilidade da Xunta de Galicia e dos concellos, pero as consellerías de Medio Rural e Cultura non controlan, coordinan nin supervisan axeitadamente as actuacións en montes con patrimonio arqueolóxico para evitar os danos que con tanta frecuencia se adoitan producir. Segundo aseguran, tampouco o Centro de Interpretación do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro fai un seguimento das áreas que albergan gran cantidade desta arte.

Arquivado en