Denuncian que a Asociación contra o Cancro acepta unha doazón dos afectados das preferentes, pero evita a foto con eles

Pontevedra
19 de abril 2018

O colectivo de afectados fixo unha doazón de 1.000 euros. Denuncian que a AECC evita a foto porque está molesta coa petición das vítimas reclamando que as devolucións económicas ás que os exdirectivos de Novacaixagalicia están obrigados por sentenza repercutan en fins sociais

Doazón de 1.000 euros da Coordinadora de afectados polas preferentes á AECC Mónica Patxot

Representantes da Coordinadora de plataformas de afectados polas preferentes tiñan unha cita este xoves na sede da Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra (AECC) para exhibir a entrega de 1.000 euros realizada a este colectivo para que sexan destinados a investigación. Segundo explicaba Xulio Vicente, portavoz da Plataforma Baixo Miño, este diñeiro procede dos preitos que foron gañando derivados das sancións que se lles impoñían con motivo das protestas na rúa ante as entidades bancarias.

A iniciativa deste xoves por parte dos integrantes da coordinadora era plasmar esta doazón nun acto de entrega dun cheque que simbolizase o ingreso xa realizado á Asociación contra o Cancro.

Con todo, desde a AECC rexeitaron que este acto fose público. Segundo comentaba Xesús Domínguez, portavoz da coordinadora de afectados, os dirixentes da AECC non lles gustaba que este colectivo de afectados sexan críticos co poder establecido por mor do seu rexeitamento a que as devolucións económicas ás que os exdirectivos de Novacaixagalicia están obrigados a executar por sentenza repercutan, de novo, na entidade bancaria e non en fins sociais.

A doazón a AECC derívase de que a Eugenio Domínguez, unha vítima das preferentes, detectóuselle un tumor en 2012. Foi sometido a un tratamento de quimioterapia que lle obrigaba a levar a cabeza cuberta en días asollados. Nunha das concentracións de protesta do colectivo era identificado, denunciado e multado por levar un "pasamontañas".

A súa irmá Yoli mostraba na mañá deste xoves a súa indignación polo trato que lle ofrecía a asociación. "Teño un sentimento de rabia", afirmou lamentando que sexan os particulares quen realice estas axudas a fins sociais e que entidades sen ánimo de lucro "nos dean para atrás e que estean vendidos ao Goberno. É como ser negro e votar ao Ku Klux Klan", indicaba Yoli Domínguez.

A Asociación Española contra o Cancro indica que os donativos son altruístas e non precisan de publicidade. Con todo, desde a coordinadora de afectados polas preferentes sinalan que cando se trata de institucións ou de determinados colectivos si que, desde a AECC, publicítanse esas doazóns. "Entras na internet e hai moitas asociacións coas que aparecen", indicaba Xesús Domínguez ás portas da sede da entidade de axuda aos enfermos de cancro en Pontevedra.

A coordinadora leva doados 5.000 euros en distintos colectivos sociais, indicou Xulio Vicente, que afirmou que o resto de diñeiro irá destinado a outros fins nos que prime a transparencia. Sinalan tamén que levan máis de medio ano á espera de que se resolva unha querela presentada para que se investigue a quen lles denunciaba durante as concentracións de protesta ante as entidades bancarias.