Denuncian pintadas e danos na fachada dun inmoble da Rúa das Ánimas

Pontevedra
15 de novembro 2021

Está previsto que neste espazo se abra un negocio de apartamentos turísticos e durante as últimas semanas están sufrindo danos no exterior do edificio ata o punto de que xa tiveron que cambiar a porta de acceso

Rotura de cristal no edificio da Rúa das Ánimas onde está prevista a apertura de apartamentos turísticos
Rotura de cristal no edificio da Rúa das Ánimas onde está prevista a apertura de apartamentos turísticos / PontevedraViva

Volvéronse repetir durante os últimos días actos vandálicos no centro histórico. Neste caso producíanse fronte á capela das Ánimas, nun edificio no que está prevista a creación duns apartamentos turísticos, unha vez que leve a cabo a rehabilitación total do inmoble, segundo indican diversas fontes da contorna.

Os vándalos dedicáronse a causar danos na fachada con pintadas na porta e danos, coa rotura do cristal, na xanela nesta construción situada na Rúa das Ánimas

Segundo denuncian, non é a primeira vez que os propietarios deste inmoble sofren este tipo de danos contra a propiedade, ata o punto de que foi necesario que cambiasen a porta de acceso á vivenda, despois de que a rebentaran causando desfeitas na caixa de correos.

Nas últimas datas, o Concello de Pontevedra anunciou que a Policía Local está levando a cabo un traballo de investigación para detectar a autoría dos grafitis aparecidos no Teatro Principal ou nun dos edificios do Museo na rúa Pasantería.